O PP menospreza @s galeg@s e chama "minoría" á oposición

Parlamento da Galiza
O parlamentar do grupo popular, Román Rodríguez, dixo non permitir ser chantaxeado por forzas minoritarias a respecto da redución de deputad@s, menosprezando a vontade política dunha importante parte d@s galeg@s.

O Partido Popular asegura que proseguirá coa súa proposta para reduciren o número de deputad@s no Parlamento de Galiza e así o fará aínda que os grupos da oposición se neguen a negocialo. Román Rodríguez, deputado popular no Parlamento galego, aseguraba esta segunda feira que o seu partido non admitiría "chantaxes" dunha minoría. O voceiro popular esqueceu que os dous grupos da oposición (BNG e PSdeG-PSOE) contan con máis de 750.000 apoios, alén d@s votantes daquelas forzas políticas sen representación parlamentar, que non apoian a táctica electoral promovida polo partido do goberno.

Para o Partido Popular a reforma podería incluso "facerse pola vía máis rápida", asegurou Román Rodíguez esta segunda. Ao igual que xa anunciara a vicevoceira Marta Rodríguez, os populares darán de prazo até o mes de setembro para chegaren a un acordo coa oposición.

Tanto o BNG coma o PSdeG anuncian que non apoiarán a reforma á que consideran "un pucheirazo electoral".

Ana Luisa Bouza, deputada parlamentar nacionalista, reafirmou o posicionamento adoptado semanas atrás polo seu grupo e asegurou que non debaterán sobre o recorte de deputad@s. Asemade, Bouza considerou que o Partido Popular non dubidará en levar adiante a proposta --malia a oposición das demais forzas políticas-- pois, "non tivo escrúpulos para facer uso da súa maioría" noutras ocasións ao longo da lexislatura.

Pola súa banda, Abel Losada, deputado parlamentar polo PSdeG-PSOE, asegurou esta segunda que o seu grupo tampouco apoiará a proposta do Partido Popular, independentemente do procedemento que empreguen na súa tramitación. Losada aseverou que @s socialistas non participarían do que, din, "é un recorte da representatividade".

O deputado do PP, Román Rodríguez, mantivo nesta xornada o firme posicionamento defendido polo seu grupo político, no que a redución do número de deputad@s responde a unha cuestión de aforro. Non obstante, os grupos da oposición, seguen a denunciar fraude electoral na proposta.