Óscar Puente, sobre os atrasos na rede ferroviaria: "Só falta escoitar que con Franco os trens ían mellor"

O ministro Óscar Puente compareceu esta sexta feira ante a Comisión de Transportes e Mobilidade Sostíbel do Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O ministro de Transportes argumemnta que o tren "vive no Estado español o mellor momento da súa historia", rexistrando "récord tras récord" de persoas viaxeiras.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, desmentiu esta sexta feira as críticas da oposición a respecto do servizo que ofrece o operador ferroviario Renfe, unhas acusacións relacionadas cos atrasos nos trens que cualificou de "partidistas e irresponsábeis", asegurando que só lle falta escoitar que "con Franco os trens ían mellor".

Puente manifestouse nestes termos na súa comparecencia ante a Comisión de Transportes do Senado desta sexta feira, convocada a pedimento do PP para que dea explicacións sobre as incidencias que se están a rexistrar este verán tanto na rede de proximidade como na de alta velocidade en todo Estado español. Comezou a súa intervención admitindo que o verán está a ser "moi complicado", polo que pediu desculpas tanto por parte do Ministerio que dirixe como de Renfe e Adif, empresas públicas dependentes da súa carteira.

Con todo, Puente centrou o inicio do seu discurso en argumentar que o tren "vive no Estado español o mellor momento da súa historia", rexistrando "récord tras récord" de persoas que cambiaron os seus hábitos de mobilidade para utilizar cada vez máis o tren nos seus desprazamentos.

"Nunca houbo un mellor servizo ferroviario que o que se presta en España neste momento. Escoitei en faladoiros falar da España do 92 como a referencia en materia ferroviaria. Nese momento só se movían seis trens ao día por sentido, 4.164 prazas, e hoxe, cada día, móvense en España 532 trens con 115.000 persoas. Por suposto, os seis trens que se movían entre Madrid e Sevilla en 1992 chegaban á súa hora, mais non tiña gran mérito. Agora chegan en hora 76% deses 532 trens", defendeu.