Parlamento

O Parlamento retoma o pulso cos contratos da Xunta no foco no que o PP ve un intento de "enlamar"

Pleno do Parlamento galego. (Foto: Parlamento)
Desde o BNG avanzaron que iniciarán unha "ofensiva" para exixir "transparencia" á Xunta sobre a súa forma de contratar, un movemento no que os populares aprecian un "intento" da oposición de "tapar as corruptelas" que, segundo Prado, salpican o Goberno español de Pedro Sánchez.

O Parlamento galego recobra esta semana, de forma paulatina, a súa actividade tras o parón estival cos contratos formalizados pola Xunta da Galiza durante a pandemia no punto de mira da oposición, o que os populares ven como un "intento de enlamar" a vida política.

Esta segunda feira regresaron as habituais roldas de prensa dos grupos políticos coas que abren as semanas no Pazo do Hórreo, ao que a próxima semana retorna a actividade coas primeiras comisións do curso político e a convocatoria da xunta de portavoces que dará forma ao primeiro pleno deste novo período de sesións, previsto para a segunda semana de setembro.

Polas salas de prensa das súas respectivas formacións pasaron a viceportavoz do grupo maioritario, a tamén número dous do PP galego, Paula Prado, e o deputado do BNG Luís Bará. Non houbo comparecencia dos socialistas, que remitiron aos medios esta segunda feira unhas declaracións sobre enerxía eólica do seu secretario de Transición Enerxética, Ángel Mato, nin tampouco do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea.

Desde o BNG avanzaron que iniciarán unha "ofensiva" para exixir "transparencia" á Xunta sobre a súa forma de contratar, un movemento no que os populares aprecian un "intento" da oposición de "tapar as corruptelas" que, segundo Prado, salpican o Goberno español de Pedro Sánchez. Para a secretaria xeral do PP na Galiza, nacionalistas e socialistas pretenden "pescar onde non hai" pedindo "explicacións" que "eles non dan" e coas que "tentan tapar as redes de corruptelas que están xudicializadas".

"Por moito que tenten enlamar, non todos somos iguais", engadiu Prado, que incidiu, antes de avanzar a presentación dunha iniciativa parlamentaria sobre a situación política en Venezuela, que o PP galego "ten como único obxectivo mellorar a vida dos galegos" e "seguir avanzando na senda do progreso e crecemento" do país. "En Ferraz este verán fixeron obras para dar un despacho aos independentistas. Parece que agora tamén lle deron un ao BNG", espetou Prado na quenda de preguntas da prensa sobre se o PP está disposto a facilitar a documentación dos contratos que demanda o BNG, ao que acusou de exercer como "a voz" de Sánchez na Galiza.

Así as cousas, Prado aseverou que "calquera cidadán pode acceder ao portal de transparencia" para coñecer os contratos formalizados pola Xunta con Eulen, que ten como directiva para o noroeste á irmá de Alberto Núñez Feixoo, Micaela, e que o BNG asegura que o Goberno galego mantén sen acceso público.

"Se non hai nada que ocultar, que problema hai en enviar información e comparecer no Parlamento?", preguntou esta segunda feira Bará, que acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de aplicar "a lei do silencio e da ocultación" para "tapar as irregularidades" cometidas durante a etapa de Alberto Núñez Feixoo en San Caetano e posteriormente coa súa substitución.

A contratación do Goberno galego durante a etapa de Feixoo e tamén durante o mandato do seu sucesor coa compañía Eulen tamén está no punto de mira do PSOE, que agora busca estender as súas dúbidas á Comunidade de Madrid e Andalucía, dúas administracións autonómicas que, segundo os socialistas, incrementaron de forma "obscena" a facturación con esta empresa.