ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

Paula Prado pide "votar xuntas ao PP" para que “haxa máis Galiza en Europa”

Paula Prado (no centro), este domingo en Poio. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do PP na Galiza apela á mobilización da militancia popular

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, fixo un chamamento para "votar xuntos" á candidatura dos populares nas eleccións europeas do 9 de xuño e facer posíbel unha vitoria "sólida" para conseguir unha Europa na que as galegas e os galegos teñan "o protagonismo" que merecen.

Así se manifestou durante a tradicional Romaría Popular de Castrove, organizada polo PP de Poio (comarca de Pontevedra), na que se reuniron unhas 1.500 persoas, segundo trasladaron os populares galegos.

Alí, Prado lembrou que hai un ano, nos comicios municipais, a candidatura encabezada polo candidato do PP, Ángel Moldes, conseguiu a primeira maioría absoluta do partido na localidade pontevedresa. Uns resultados aos que a número dous do PP chamou a emular para alcanzar unha vitoria en Europa como a que levou Moldes a ser "un gran alcalde de Poio".

Neste sentido, afirmou que a súa vitoria permitiu "desaloxar" do Goberno local un BNG "con dúas caras": "A da falsa moderación que quixeron pór nas eleccións locais e galegas, sen éxito; e a cara radical que quere destruír o rural, a actividade pesqueira ou o emprego industrial na ría de Pontevedra".

"Cando nós vimos a Poio, podemos mirar aos ollos aos veciños e ás veciñas. Algo que non poden facer nin Pedro Sánchez nin os candidatos do PSOE ou do BNG a estas eleccións europeas", afirmou antes de subliñar que fronte ás políticas "nefastas para a Galiza, para España e para a comarca de Pontevedra" de nacionalistas e socialistas, o voto do PP "é a resposta".

Por este motivo, apelou á mobilización das e dos 1.500 asistentes á Romaría, así como a de todos os militantes e simpatizantes do PP da comarca. "O Partido Popular é a mellor resposta para que haxa máis Galiza en Europa", insistiu.