Pontón e Besteiro pedirán que Feixoo e Rueda acudan á comisión de investigación sobre os contratos da Xunta

José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O presidente insiste en que Contas nega "sobrecustos" polo Cunqueiro e contraataca ao líder socialista co Garañón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confirmaron que solicitarán que tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o seu antecesor no cargo e actual líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, comparezan na comisión de investigación que forzarán os nacionalistas no Parlamento galego sobre os contratos da Xunta con empresas como Eulen e o suposto sobrecusto da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro sinalado polo Consello de Contas, entre outros asuntos.

Ambos os dous dirixentes confirmárono esta cuarta feira no pleno Parlamento galego. Pontón pediu a Rueda "transparencia" e que "non vete ningunha comparecencia" neste órgano, nin a súa propia, nin a de Feixoo, nin a dos seus familiares. E é que no foco situou os contratos con Eulen –da que a irmá de Feixoo, Micaela Núñez, é directiva–, algúns deles adxudicados pola área sanitaria de Santiago e o Barbanza, que até este ano estaba dirixida por Eloína Núñez, curmá do ex presidente.

A isto sumou Pontón o suposto sobrecusto de 470 millóns de euros –negado por Rueda e o PP– que apuntou o informe do Consello de Contas por elixirse un modelo de concesión de obras para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. "Dálle urticaria que teña que haber transparencia sobre todas as irregularidades na contratación pública da Xunta, que utiliza recursos dos galegos para beneficiar empresas vinculadas ao PP e a familiares de altos cargos do PP", esgrimiu.

Alfonso Rueda, na súa resposta, ironizou con que estaba "a desexar" que o BNG fose "valente" e impulsase dita comisión. "Teño que ver se resisten", dixo, para seguidamente pedirlle que sexa "rigorosa".

"En man de especuladores"

Sobre este mesmo asunto, o secretario xeral do PSdeG denunciou que o Goberno de Feixoo deixase "en mans de especuladores" a construción do hospital vigués, cun "sobrecusto" co que se poderían "facer moitas cousas", por exemplo contratar "medio milleiro de médicos".

Así, Besteiro insistiu en que "alguén debe dar explicacións" ou asumir "responsabilidades políticas por este barullo" que confirma que o PP "lle sae moi caro" a Galiza. En todo caso, solicitou un rescate para o público da concesión do Álvaro Cunqueiro.

Na súa resposta ao líder socialista, o presidente da Xunta negou que exista un "sobrecusto" como tal, porque o que di o informe de Contas é que o modo elixido para levantar a infraestrutura, de licitar a construción e os servizos de forma conxunta, supuxo 470 millóns de euros máis que se se licitasen por separado.

Ademais, Alfonso Rueda leu varias páxinas do mesmo documento no que Contas recalca que "a Administración non asumiu sobrecustos pola execución da obra" e que, aínda que a concesionaria pediu en 2014 o abono de case oito millóns en concepto de sobrecustos, esta solicitude "foi rexeitada polo Sergas".

Rueda defendeu o modelo elixido no momento, porque se non "ese hospital non existiría" a día de hoxe, e recprochoulle ao líder socialista que non ía derrubar o hospital como se fixo co proxecto urbanístico do Garañón, polo que Besteiro permaneceu apartado da política durante anos –estuvo imputado pero foi exonerado e arquivouse a causa–. Mesmo lembrou que a escolla foi avaliada nun informe encargado polo Goberno do socialista Emilio Pérez Touriño por un "sobrecusto real" de 70.000 euros, que dicía que "había que facer unha sociedade mixta" con capital privado "ao 90%".

A este respecto, Besteiro lembrou que a adxudicación do hospital "fíxoa o PP" con Feixoo, sen entrar a especular sobre o modelo polo que tería optado o bipartito. Tamén cargou contra a adxudicación a "dedo dedito dedo" de "dous de cada tres euros" de orzamento da Xunta no que vai de ano.

"Vostede poderá dar explicacións porque nós pediremos que as dea, pero non se preocupe, non vai estar só. Tamén imos pedir que compareza Feixoo e el tampouco se sentirá só polas persoas que pediremos para comparecer", avanzou o líder socialista, malia que a comisión –salvo que o PSdeG se adhira– impulsaraa o BNG.