Eleccións Europeas 9-X

Pontón e Miranda defenden "o dereito a decidir" da Galiza en asuntos como a pesca que afectan directamente o país

Leticia Santos, Ana Pontón, Ana Miranda e Kevin González (Foto: Nós Diario).
O BNG salienta o saneamento das rías galegas como "unha cuestión de vital importancia".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu esta sexta feira en Moaña (O Morrazo) o dereito da Galiza a decidir en Europa “con voz e voto” sobre todos aqueles asuntos que a afectan directamente, como é o caso da pesca, que exemplifica o “moito que se xoga” a Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades de desenvolvemento económico do país.

A líder nacionalista defendeu a condición da Galiza como nación pesqueira na que concellos como Moaña, Cangas ou Bueu non se entenden sen a súa relación co mar. “Queremos seguir sendo unha nación pesqueira porque a xente do mar non pide axudas nin subvencións para desguazar barcos, pide vivir do seu traballo como leva facendo xeración tras xeración”, proclamou xunto á candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda.

Pontón exemplificou no sector pesqueiro o moito que se xogan os galegos e as galegas nas eleccións do 9 de xuño porque, segundo explicou, “aínda que pareza que Bruxelas queda moi lonxe do Morrazo, a realidade é que alí, se toman cada día decisións que afectan directamente á cidadanía da comarca e do conxunto do país”.

Neste sentido, recordou que na Unión Europea (UE) se decide desde canto pode pescar a frota galega, até o ancho e longo dos seus barcos, pasando por “un reparto de cotas inxusto” ou por tentar eliminar as redes do xeito sen saber que son precisamente as máis sostíbeis.

“E non o conseguiron porque alí estaba Ana Miranda defendendo a pesca galega, dándolle voz aos mariñeiros, ás redeiras e a todo o sector”, recordou para pór en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa dos intereses galegos na Eurocámara.

Por iso, recalcou a importancia de ter voz propia na UE, a do “escano galego da man do BNG” xa que é “o equipo da casa” e o único que vai dar a cara en Bruxelas como sempre fixo e como seguirá facendo aínda con máis forza a partir do 9 de xuño, logo de lembrar o papel nacionalista nas institucións europeas en cuestións tan relevantes como o Prestige ou as vítimas do Alvia.

Pontón tamén reivindicou o labor desenvolvido polo BNG en defensa do sector do mar, na inclusión do porto de Vigo na primeira velocidade da Rede Europea de Transportes, “por certo, co voto en contra do PP e do PSOE”, recordou, ou no impulso da alta velocidade con Portugal, o Corredor Atlántico, a rexeneración das rías ou na defensa do territorio fronte “á cobiza das multinacionais”.

“En 2013 loitamos en Europa para frear a macromina de Corcoesto e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de Altri que o PP quere colocar no corazón deste país”, engadiu para recalcar que o escano do BNG “é o que marca a diferenza” na defensa da Galiza, mais tamén “na defensa doutro modelo de Europa, unha Europa dos Pobos, social e pacifista”.

Na mesma liña se pronunciou Miranda, quen subliñou a necesidade de que Galiza teña “voz propia” na UE para seguir defendendo “o dereito a vivir da pesca”. “O BNG ten que seguir pelexando en Europa para remar na traíña da pesca”, asegurou, reivindicando o traballo feito en Bruxelas para exixir, entre outras cuestións, que a Política Pesqueira Común considere a singularidade da pesca artesanal.

Con este aval, pediu o voto ao BNG para poder defender tamén nas institucións comunitarias o saneamento das rías galegas, outra cuestión de vital importancia para o sector da pesca e o marisqueo e que xa motivou a visita que, a instancias do BNG, fixo a Galiza unha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.