28-M

Pontón reclama desde Ferrol unha "mobilidade do século XXI" co candidato do BNG á Alcaldía, Iván Ribas

Ribas e Pontón esta quinta feira en Ferrol (Foto: Nós Diario).
“Ás carencias en transporte por tren que soporta esta cidade engádense o deficitario servizo de bus, insuficiente, sen rutas nin horarios adaptados ás necesidades da veciñanza”, indicou a líder nacionalista.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estivo en Ferrol esta quinta feira co candidato á Alcaldía Iván Ribas para abordar a situación de mobilidade da cidade, en concreto no relacionado con transporte público por estrada, “moi deficiente”, e para denuncialo fixeron un percorrido simbólico pola cidade en bus.

“A mobilidade é un servizo básico que se lle debe ofrecer á cidadanía e, ademáis, é un elemento fundamental para o dinamismo económico e social, porque sen boas comunicacións os concellos quedan illados e iso significa perder oportunidades e quedar atrás, lamentabelmente é o que lle está pasando a Ferrol ante a incompetencia dos sucesivos gobernos municipais das forzas estatais”, indicou Pontón.

“Ás carencias en transporte por tren que soporta esta cidade engádense o deficitario servizo de bus, insuficiente, sen rutas nin horarios adaptados ás necesidades da veciñanza”, acrecentou a líder nacionalista.

"Mobilidade do século XXI"

Unha veciñanza que precisa dunha mobilidade do século XXI para ir traballar, parar facer xestións administrativas, para gozar do lecer, etc, explicou a líder do Bloque.

Pola súa parte, Ribas destacou que o BNG abordaba unha cuestión “que a propia Unión Europea deu en chamar a pobreza en mobilidade, para explicar que este proceso cara a neutralidade climática vai ter graves implicacións sobre todo para os sectores máis desfavorecidos. As cidades de máis de cincuenta mil habitantes temos unha especie de espada de Damocles sobre a cabeza, produto da exixencia de estabelecer zonas de baixas emisións”, indicou.

“E se ademais temos en conta que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza acaba de abrir un expediente sancionador produto das concesións que a Xunta fai en relación co transporte, neste caso da cidade de Ferrol e da comarca, ás concesionarias que o xestionan polo feito de repartirse o mercado, creo que temos unha responsabilidade evidente para garantirlle aos veciños e veciñas o dereito á mobilidade”, incidiu.