Pontón urxe limitar as vivendas turísticas para favorecer o aluguer

Ana Pontón na Coruña, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
O BNG demanda a Rueda que rectifique sobre Altri.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou nun encontro na Coruña as propostas da súa formación en relación coas vivendas de uso turístico e o impacto que están provocando no acceso á vivenda habitual, nun contexto de incremento imparábel no prezo do aluguer e de carestía de inmóbeis para uso residencial habitual. 

A dirixente nacionalista reclamou “ordenar, equilibrar, planificar e apostar pola vivenda protexida”. Nesta liña, sinalou que ante a suba de prezos “non se pode mirar para outro lado como fai o Goberno de Rueda, é urxente tomar medidas porque o que está en xogo é o dereito das persoas a unha vivenda digna”.

“A propia sociedade está reclamando medidas porque o que se precisa é orde, equilibrio, planificación e unha aposta decida pola vivenda pública e o Goberno do PP ten que actuar porque ten competencias tanto en vivenda como en turismo”, asegurou Pontón, que lembrou que Galiza pasou de ter apenas 500 vivendas de uso turístico en 2017 a 25.232 na actualidade

Pontón indicou que nos 10 últimos anos os alugueres aumentaron na Galiza 44% de media e en cidades como A Coruña ese aumento foi de 63%. A este respecto, asegurou que este “é o momento de tomar medidas ambiciosas, eficaces e áxiles e no Goberno alternativo do BNG temos claro que a dificultade para acceder á vivenda é un grave problema social, non se trata dun problema individual, senón que nos interpela e nos afecta como sociedade”.

A portavoz nacional do BNG aproveitou a súa comparecencia na Coruña para demandar ao presidente galego que “tome nota do contundente informe sobre Altri” do Consello da Cultura Galega e “rectifique sobre unha macrocelulosa que o estudo académico confirma como bomba ambiental que fracturaría o territorio”.  

A dirixente nacionalista urxiu o Goberno galego a reclamar a rescisión de concesión de explotación da AP-9 e elabore un informe sobre as vía legais para facela efectiva.