O PP critica a BNG e PSdeG por non recoñecer a González como presidente

Paula Prado nun encontro con inmigrantes venezolanos na Galiza. (Foto: Cedida).

O Partido Popular mantivo este sábado un encontro con inmigrantes venezolanos asentados na Galiza para facerlles chegar o apoio da formación ao candidato presidencial Edmundo González, actualmente residente en Madrid.

 

Unha delegación do Partido Popular, encabezada pola secretaria xeral da formación, Paula Prado, trasladou a un grupo de inmigrantes venezolanos o seu rexeitamento a elección como presidente dese país de Nicolas Maduro.

Prado criticou que nacionalistas e socialistas non apoiaran na Cámara galega o recoñecemento de Edmundo González como presidente de Venezuela. González tras ser derrotado por Maduro nos comicios de 28 de xullo, decidiu abandonar o seu país, estabelecéndose en Madrid.

"O que fan o BNG e o PSOE, non recoñecendo a Edmundo González como presidente” afirmou Prado, “é descoñecer o voso voto, negarvos o voso dereito soberano a elixir aos vosos representantes e furtarvos a democracia”.

A dirixente popular sinalou que o BNG "non engana a ninguén" e criticou a “ideoloxía radical” da formación nacionalista. Neste punto, aseverou que “o independentismo galego nin cambia de opinión nin se molesta en agochar o seu total apoio ao réxime de Maduro”.

A número dous do PP galego preguntouse "que dirían eles se despois das eleccións autonómicas o PP, que gañou con maioría absoluta limpa e democraticamente, mandara á policía a deter á señora Pontón ou señor Besteiro? Pois iso é o que eles están apoiando co seu non á iniciativa do Partido Popular".

Prado afeoulle aos socialistas galegos a súa abstención no Parlamento á iniciativa do PP de recoñecemento a González. Nesta dirección, argumentou que “absterse é tanto como pórse do lado do ditador e non recoñecer o voto que fixestes libremente todos os venezolanos”.

Apoio de Rueda

 "Non estades sos”, rematou Prado “contades co apoio do presidente Alfonso Rueda e de todo PP. Seguiremos ao voso carón, loitando con vós, apoiando todas as iniciativas que estades levando a cabo nas cidades e demais concellos para loitar pola democracia e pola liberdade en Venezuela"