O PP vota en contra dunha proposta para permitir que os mariñeiros embarcados poidan votar
Traballadores da flota de altura e gran altura e da mercante non poden moitas veces exercer este dereito. O BNG pedía que o parlamento instase ao goberno español a regularizar a situación.
Un mariñeiro sueco que leve meses embarcado vai poder votar nas eleccións europeas. Un mariñeiro estonio, igual. Un galego, non. E non pode porque o goberno español (a diferenza do sueco ou estonio) non habilita nin regulariza o método para que poida facelo. A consecuencia é que os centos de galegos que traballan en flota de altura ou gran altura ou na mariña mercante (embarcados durante períodos de moitos meses), non poderán votar o 25 de maio.
A normativa actual, que require a presenza nun porto do Estado español para poder votar, é ás claras insuficiente. Hai mariñeiros galegos que pasan campañas de seis meses nas Malvinas, período no que non se achegan a un porto 'español'.
Poñer fin á “hipocresía”
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu esta cuarta feira na comisión de pesca, unha proposición non de lei para regularizar o voto das persoas embarcadas, iniciativa que o PP rexeitou por incluír no texto o termo “con urxencia”.
Rodas cualificou de “hipocrisía” non facilitar que calquera cidadán galego, con independencia do lugar no que se atope, poda exercer o seu dereito ao voto polo que volveu reclamar de “maneira urxente” materializar medidas nesta materia.Lembrou que o uso do carné electrónico garante emitir o voto nos procesos electorais, a pesar de atoparse a centos de millas de Galiza, e un gran número de traballadores galegos deben permanecer longas temporadas no mar. O BNG, recalcou leva presentado iniciativas nos Parlamentos galego e español destinadas a garantir o voto dos mariñeiros embarcados sen que o Partido popular amosara “unha mínima vontade” para facilitalo.
Fotos: 'Pleine Mer', de Juan Gaumy