O PP vota en contra dunha proposta para permitir que os mariñeiros embarcados poidan votar

Traballadores da flota de altura e gran altura e da mercante non poden moitas veces exercer este dereito. O BNG pedía que o parlamento instase ao goberno español a regularizar a situación.

mariñeiros barco mar traballo

Un mariñeiro sueco que leve meses embarcado vai poder votar nas eleccións europeas. Un mariñeiro estonio, igual. Un galego, non. E non pode porque o goberno español (a diferenza do sueco ou estonio) non habilita nin regulariza o método para que poida facelo. A consecuencia é que os centos de galegos que traballan en flota de altura ou gran altura ou na mariña mercante (embarcados durante períodos de moitos meses), non poderán votar o 25 de maio.

A normativa actual, que require a presenza nun porto do Estado español para poder votar, é ás claras insuficiente. Hai mariñeiros galegos que pasan campañas de seis meses nas Malvinas, período no que non se achegan a un porto 'español'.

Poñer fin á “hipocresía”

O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu esta cuarta feira na comisión de pesca, unha proposición non de lei para regularizar o voto das persoas embarcadas, iniciativa que o PP rexeitou por incluír no texto o termo “con urxencia”.

Rodas  cualificou de “hipocrisía” non    facilitar  que calquera cidadán galego,  con independencia do lugar no que se atope,  poda exercer o seu dereito ao voto polo que volveu reclamar   de “maneira urxente” materializar medidas  nesta materia.Lembrou que o uso do carné electrónico garante emitir o voto nos procesos electorais, a pesar de atoparse a centos de millas de Galiza, e un gran número  de traballadores galegos deben permanecer longas temporadas no mar. O BNG, recalcou leva presentado  iniciativas nos Parlamentos galego e  español destinadas a garantir o voto dos mariñeiros embarcados  sen que o Partido popular amosara “unha mínima vontade” para facilitalo.

Fotos: 'Pleine Mer', de Juan Gaumy 

Comentarios