O PSdeG acusa o BNG de impedir que Besteiro interpele Rueda

A deputada do PsdeG Lara Méndez, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Lara Méndez afirma que a decisión "non ten precedentes" e comparou a medida cun "burka para silenciarnos". 

O PSdeG acusou ao BNG de facer unha "pinza" co PP para restarlle a posibilidade ao Grupo Socialista de participar nunha sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, en favor do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea.

Nunha rolda de prensa decorrida esta cuarta feira no Pazo do Hórreo, a deputada socialista Lara Méndez censurou a "alianza vergoñosa" entre populares e nacionalistas para "limitar a capacidade para exercer a súa tarefa de control" aos socialistas ao outorgar o dereito para participar a Oxea nas preguntas ao presidente nun dos plenos deste período de sesións en detrimento do PSdeG.

Méndez asegurou que esta decisión, adoptada na xunta de portavoces da terza feira que configurou o calendario do novo período de sesións que se prolongará desde este mes de setembro até o paro do Nadal, carece de "precedentes" pois "é a primeira vez que un grupo parlamentario plenamente constituído vese privado" de participar nunha sesión de control ao presidente da Xunta.

"Queren pórnos un burka para silenciarnos", afirmou a ex alcaldesa de Lugo, que avanzou que os socialistas "loitarán" por que se lles manteña a posibilidade de participar na sesión de control de todos os plenos do curso. "A calidade democrática non pode sacrificarse en aras de conivencias, convivencias ou pinzas políticas", engadiu.

Gardas nos xulgados

Tamén esta cuarta feira, a deputada do PSdeG Paloma Castro reclamou á Xunta incluír nos Orzamentos de 2025 unha partida para a implantación do novo sistema de gardas de 24 horas, con quenda rotatoria, nos xulgados da Coruña e Vigo. Segundo Castro, é dunha demanda reiterada e "xusta" na que coinciden xuíces, letrados e funcionariado.