Iglesias di non á proposta do PSOE dun goberno con independentes

Pablo Iglesias [Imaxe Podemos]

O líder de Podemos asegura que o grupo socialista "dixo non" á proposta de Compromís e lánzase á campaña electoral. 

Após a proposta achegada polo voceiro de Compromís, Joan Baldoví, a equipa negociadora do PSOE sinalou através do portavoz, Antonio Hernando, que aceptan "directamente" 27 das medidas recollidas no documento denominado 'acordo de El Prado'. 

Neste senso, o grupo socialista amósase partidario de tentar abrir unha vía que derive nunha eventual investidura de Pedro Sánchez como presidente español mais sinala como condicións que ese executivo estexa conformado por persoas independentes e que se lle permita, cando menos, aprobar dous Orzamentos. 

Isto é, tería unha duración mínima de dous anos despois dos cales Sánchez se sometería a unha cuestión de confianza, segundo recolle Publico.es e o propio Twitter do PSOE. 

Co xiro das últimas horas, Hernando asegurou que Sánchez trasladará ao xefe de estado a súa vontade por tentar conformar goberno no tempo que resta até que finalice o prazo para tal fin a cuarta feira ás 16 horas. 

Iglesias, en campaña

O líder de Podemos lanzouse á campaña electoral esta terza feira. Após o seu encontro co xefe do estado en Zarzuela compareceu perante os medios de comunicación onde asegurou que "o PSOE dixo que non" á proposta lanzada por Compromís o que tildou de "desaire". Embora non ser cento por cento así pois o PSOE asegurou estar de acordo con 27 das 30 medidas propostas e mesmo lanzou unha contra-oferta para un goberno de dous anos conformado por Pedro Sánchez e persoas independentes, Iglesias fixo súas as declaracións de Mónica Oltra, vice-presidenta do País Valenciá, e declinou tomar posicións perante unha hipotética reabertura das mesas de negociación co PSOE. 

Podemos insiste en que Pedro Sánchez se atopa preso nunha "gaiola" por mor do pacto con Ciudadanos

Desde Podemos insisten en que Sánchez se atopa preso nunha "gaiola" por mor do pacto con Ciudadanos e que iso lle impide camiñar cara á un "goberno progresista" no que estivesen, para alén destas dúas forzas, IU e Compromís. Así as cousas, subliñou, "imos seguir tendendo a man" porque, dixo, achan "o mellor para o país" unha "coligazón progresista" no executivo. 

En resposta á imprensa Iglesias rexeitou negociar a contra-oferta do PSOE argüíndo que "a política non é un casino" nen "unha partida de póker" e remitiuse ás ofertas lanzadas desde a súa formación con anterioridade que pasan por un goberno "presidido" por Pedro Sánchez mais no que estexan tamén Podemos, IU e Compromís. 

Así pois, Podemos ve un feito que haberá novas eleccións o 26 de xuño á espera de que se esgote o último minuto. Uns comicios que presentan como "segunda volta" e nos que xa están a conversar sobre a fórmula coa que concorrerán, entre elas, unha posíbel candidatura con Izquierda Unida. 

Ciudadanos ve inevitábeis novas eleccións

Porén, pola súa banda, a dirección de Ciudadanos segundo recolle a axencia EFE desbota a proposta porque di, "é máis do mesmo". "Estamos abocados, lamentabelmente, a unhas novas eleccións", dixo Albert Rivera en comparecencia de imprensa. "Tres páxinas, para catro anos [cun goberno] entre 6 partidos non me parece algo para valorar o último día", acrecentou a respeito da proposta de Compromís. 

Albert Rivera sobre a proposta de Compromís: "Tres páxinas para gobernar catro anos entre 6 partidos non me parece algo a valorar, non é razoábel"

Así as cousas, Rivera insistiu que "Ciudadanos non é necesario para ese pacto" desde unha perspectiva aritmética nen desbotou a posibilidade de que o PSOE poida chegar a un acordo con outras forzas políticas "no último minuto" fronte ao pacto "entre constitucionalistas" asinado entre ambos. 

Tampouco o voceiro de En Comú Podem, Xavier Doménech, á súa saída do encontro con Felipe VI se amosou moi favorábel. Neste senso, sinalou que cre "non hai alternativa viábel de investidura". Aliás, asegura que as reticencias do PSOE a reformar o artigo 135, a asumir as cinco propostas da PAH e a derrogar as reformas laborais complican unha hipotética investidura. "Sempre hai un último minuto mais un debería afrontar a realidade", sinalou. 

Desde Izquierda Unida, Alberto Garzón entende que se o PSOE non racha o acordo con Ciudadanos non haberá posibilidades dun acordo de investidura.