O PSOE pídelle a Feixoo explicacións "inmediatas" sobre "os moitos millóns de cartos públicos que circulan na súa familia"

O actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o seu predecesor, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Nos últimos anos Nós Diario vén sinalando nas súas páxinas o suposto "trato de favor" de Alberto Núñez Feixoo ás empresas dirixidas por familiares, como é o caso de Eulen e a súa irmá.

O PSOE ven de advertir ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, de que se porá "a traballar" para garantir os impostos que pagan os galegos e madrileños se non ofrecen "explicacións inmediatas" sobre as "relacións" coas empresas que contratan a Xunta e a Comunidade de Madrid.

"Esiximos explicacións inmediatas e, se non, será o Partido Socialista o que se poña a traballar para velar por todos os medios polos impostos que pagan galegos e madrileños", indicou este domingo a portavoz do PSOE, Esther Peña, en declaracións remitidas aos medios, nos que afirma que estas empresas "supoñen un buraco negro sobre o que hai que botar luz".

"Se a túa curmá lle adxudica 4 millóns nun contrato público á túa irmá, algo non funciona ben nesa administración pública", denunciou Peña, quen afirmou que durante o mandato de Feixoo na Xunta se adxudicaron 37 millóns de euros de diñeiro público á empresa Eulen, que "casualmente dirixía a súa irmá na Galiza".

Por iso, o PSOE solicita "unha investigación formal" e que se presente cada un dos contratos que se adxudicaron, así como outras ofertas alternativas que se presentaron, indicou Peña: "Son moitos millóns de euros circulando na familia do Sr. Feixoo, millóns de cartos públicos”.

Nos últimos anos Nós Diario vén sinalando nas súas páxinas o suposto "trato de favor" de Alberto Núñez Feixoo ás empresas dirixidas por familiares, como é o caso de Eulen e a súa irmá, un caso denunciado de forma reiterada desde a súa chegada á Presidencia da Xunta.

Esta sexta feira o PSOE xa anunciou que a partir de setembro acometerá medidas parlamentarias e xudiciais para investigar os contratos da Xunta coa familia de Feixoo e as comisións da parella de Ayuso.

Tamén piden a Ayuso explicacións polos contratos adxudicados a Quirón Salud. Segundo indican nun comunicado do PSOE, Quirón Salud figura como pagadora das comisións de material sanitario, durante a pandemia, á parella da presidenta, ademais de ter "vínculos que non se explicaron que levan a ramificacións de empresas en Panamá e pagamentos do ático de luxo de Chamberí, con préstamos dun millón de euros en metálico dun prestamista anónimo”.

O PSOE denuncia que tanto Eulen como Quirón teñen un vínculo común: "A familia propietaria da primeira, e unha exdirectiva da segunda, aparecen como investidoras na canle de YouTube 'Estado de Alarma', creada por Javier Negre".

"Agora sabemos que parte dos beneficios dese contrato foron destinados a financiar pseudomedios de comunicación que espallaban bulos e ataques contra o goberno do Estado", indicou Peña.