O BNG reclamará ao Goberno galego que remita ao Parlamento toda a información relativa aos contratos que a Xunta da Galiza asinou con Eulen, a empresa que dirixe na Galiza a irmá do ex presidente do Executivo galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.
En concreto, o BNG exixirá a información relativa aos contratos asinados nos últimos anos tanto polas consellarías como polos diferentes organismos da Administración autonómica, tal e como anunciou esta exta feira o viceportavoz segundo da formación nacionalista no Parlamento, Luís Bará, quen advertiu do uso recorrente da contratación a dedo que se observa nas relacións entre este grupo empresarial e a Xunta.
No seu labor de fiscalización ao Goberno, o BNG exixe transparencia ante a sospeita de que houbo un trato de favor á empresa da que forma parte Micaela Núñez Feijóo posto que, “tal e como recolle hoxe o medio El Salto, só entre os anos 2018 e 2023 a Xunta adxudicou a Eulen máis de 1.300 contratos a dedo, sen concurso público, por case cinco millóns de euros”.
Na relación de contratos menores entre os diferentes organismos da administración galega e Eulen apréciase, advertiu o deputado nacionalista, un fraccionamento reiterado na contratación para a prestación dun mesmo servizo, unha maneira de “esquivar” a obrigatoriedade do concurso público, prexudicando deste modo tanto ás arcas públicas -que poderían beneficiarse de mellores ofertas- como a outras empresas, explicou Bará.
“Queremos saber o motivo de que haxa unha contratación sistemática a dedo con Eulen, se estamos ante un caso de nepotismo, de favoritismo, de amiguismo puro e duro, no que se favorece a unha empresa dirixida pola irmá do presidente do PP”, asegurou Bará, para quen, se ben pode haber casos nos que estea xustificado o contrato fraccionado, “resulta sospeitoso que este tipo de contratos se fagan de xeito sistemático cunha empresa determinada vinculada a altos cargos do PP”.
A modo de exemplo, o deputado nacionalista referiuse aos case case 700.000 euros que suman ducias e ducias de contratos menores baixo o concepto de “edificacións e outras construcións”, ou á concatenación de contratos menores entre a Consellaría de Sanidade e Eulen, que entre maio de 2021 e setembro de 2022 asinaron 14 contratos pola mesma cantidade (10.834 euros) para a prestación do servizo de “seguridade.
O deputado nacionalista advertiu ademais de que, neste caso, “chove sobre mollado”, lembrando que non é a primeira vez que se require información á Xunta dos contratos coa empresa na que a irmá de Feixoo é alto cargo. De feito, en 2022 o BNG xa reclamou unha auditoría externa tras coñecerse tamén por informacións de prensa que o goberno do PP triplicara a contratación co Grupo Eulen desde a chegada do presidente do Partido Popular á Xunta.