O PSdeG avanza no expediente aberto aos seis edís de Compostela

Edís do PSdeG en Compostela. De esquerda a dereita, Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Sindo Guinarte, Marta Álvarez e Marta Abal. (Foto: Nós Diario)
A dirección provincial encarga ao ex coordinador Moisés Rey a instrución do procedemento, que resolverá o PSOE federal e podería derivar na expulsión de todos os integrantes do grupo municipal.

Mentres a política municipal segue o seu curso con aparente normalidade, a dirección provincial do PSdeG avanza no expediente aberto aos seis edís que integran o grupo socialista no Concello de Compostela —Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Sindo Guinarte, Marta Álvarez e Marta Abal— após desouviren o seu secretario xeral, Aitor Bouza, e permitiren que saíse adiante a nova ordenanza das vivendas de uso turístico (VUT). Un movemento que derivou na ruptura total entre as e os concelleiros e a dirección local.

Esta terza feira desde a formación socialista deron a coñecer o nome do encargado de instruír o citado expediente: Moisés Rey, ex coordinador do PSOE provincial, tenente de alcalde en Arteixo e vicepresidente da Deputación da Coruña durante a etapa de Salvador Fernández Moreda. Alegan que exerceu de coordinador durante varios anos e conta cunha "ampla experiencia" dentro do partido.

Fontes socialistas citadas pola axencia Europa Press insisten en que se trata dun procedemento "totalmente garantista" e poñen en valor a figura de Moisés Rey para instruír o expediente, defendendo que se trata dun militante "amplamente respectado no partido" e cunha "recoñecida traxectoria".

Agora o instrutor deberá escoitar todas as persoas inmersas neste procedemento para determinar se os feitos que dan lugar á apertura do expediente incumpren —e, de ser o caso, en que grao— as normas disciplinarias recollidas nos estatutos do partido, así como as sancións que poidan corresponder.

O futuro dos edís, aínda incerto

Tras iso, a dirección federal do PSOE será a encargada de resolver o expediente e determinar se os edís son expulsados, algo que desde o partido se resisten a avanzar polo de agora. O propio secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, remítese unha e outra vez ao procedemento en curso cando é interpelado pola prensa.

De portas para fóra, pois, os dirixentes evitan pronunciarse sobre o futuro dos seis edís. Porén, o máximo responsábel do PSOE provincial, Bernardo Fernández, deixou claras as súas intencións en privado na última reunión da Executiva, a finais do pasado xuño: "Me importa un huevo quedarme sin grupo municipal en Santiago". Unhas palabras que foron gravadas sen o seu coñecemento e desveladas por elDiario.es.