Racha o goberno de esquerdas de Ferrol

Beatriz Sestayo e Jorge Suárez

[ACTUALIZADO 12.43] O PSOE acorda abandonar o executivo local após retirar o alcalde as competencias á tenente-alcaldesa, Beatriz Sestayo, e 2 edís socialistas. Dúas concelleiras do PSOE non secundan a decisión e mantéñense no goberno.

 

A Executiva Local do PSOE acordou que os seus cinco concelleiros abandonen o goberno municipal de Ferrol, unha decisión adoptada na noite desta segunda feira e só horas despois de que o alcalde anunciase que retiraba as súas competencias a tres edís socialistas. Jorge Suárez (Ferrol en Común) xustificou a medida na “falta de confianza” nestas tres persoas mais insistiu en que ese paso non era unha ruptura co PSOE. A executiva socialista reuniuse de urxencia após se enterar da decisión do alcalde “pola prensa” e na xuntanza o acordo foi claro: por 16 votos a favor, 1 en contra e 1 abstención, dispuxo que os seus 5 edís saísen do goberno municipal.

Mais Rosa Méndez e María Fernández, as edís do PSOE ás que o rexedor non retirou as competencias e mesmo ratificou nas súas funcións, desmárcanse da decisión e continuarán como intregrantes do goberno. Non perdamos de vista que se chegou a este punto por mor da última crise entre Ferrol en Común e PSOE no Concello. O PSOE solicitara ao alcalde que retirase á edil socialista María Fernández as competencias en Urbanismo e Mobilidade dentro do proceso de regorganización de competencias do grupo municipal socialista. Algo ao que se negou Suárez.

O alcalde xa anunciou que tentará establecer unha negociación co BNG

Ferrol era a única das tres cidades gobernadas polas marés onde existía un executivo de coligazón. Na Coruña e Compostela gobernan en minoría. A cohabitación entre socialistas e 'comúns' estivo salpicada durante estes meses por máis dun desencontro sde ben, até o de agora, non afectara á continuidade do goberno municipal.