Rajoy, condenado a unha nova derrota no Congreso

170 a favor e 180 en contra foi o resultado da votación no Congreso esta cuarta feira e todo indica que nada modificará ese taboleiro de marcas esta tarde na segunda e definitiva rolda da investidura de Rajoy (19 horas). O PP confía en que o resultado das eleccións galegas e vascas desatasque o bloqueo.

Nada mudou en 48 horas, así que non é arriscado vaticinar que esta tarde 180 deputadas e deputados mostrarán co seu voto que non confían en Rajoy como presidente. En realidade, tampouco o fan 32 dos parlamentares de Cs, de acreditarmos nas palabras pronunciadas por Albert Rivera na sesión da cuarta feira, cando dixo que se vía obrigado a elexer entre o mau (Rajoy) e o pior (a inexistencia de goberno). Rajoy, portanto, sofrerá unha nova derrota e o Congreso vivirá a segunda investidura falida da historia do réxime de 1978 (a primeira foi a a de Sánchez en marzo) e a primeira en que o candidato é presidente en funcións.

A situación non vai erosionar a posición de Rajoy no PP. O prietas las filas é a palabra de orden no partido. Ninguén suxire, nen en público nen en privado, que un candidato distinto ao político de Pontevedra puidese ter máis opcións de desbloquear a situación. En realidade, o PP non lle ten ningún medo a unha nova convocatoria eleitoral. Calcula que a abstención será alta, superior á xa rexistada o 26 de xuño, e que voltará a atinxir nomeadamente o eleitorado da esquerda. Estima que o seu score podería aumentar até acadar por volta dos 140 escanos.

A situación non vai erosionar a posición de Rajoy no PP. O prietas las filas é a palabra de orden no partido.

En todo caso, e para se cubrir as costas, o PP ten programada a convocatoria este sábado do seu Comité Executivo Nacional. Será un trámite para aclamar Rajoy como líder e para proxectar imaxe de partido unido e vocacionado para o goberno con vistas ás eleccións galegas -onde defenden unha maioría absoluta- e as vascas -onde non teñen a menor opción de acadar a lehendakaritza, mais onde si aspiran a seren decisivos se o PNV os necesitar para completar maioría.

As galegas e as vascas son variábeis que poden acabar virando decisivas na procura dunha saída ao labirinto político. Unha eventual derrota do PSOE nelas tornaría aínda máis intensa a presión sobre Pedro Sánchez. Esta mesma quinta feira, os fieis de Susana Díaz conseguiron arrancar a promesa da realización dun Comité Federal do partido após os comicios do 25S. O sector oficial resta importancia ao evento e argumenta que o máximo órgao da formación sempre se reúne a seguir calquer tipo de convocatoria eleitoral. Reiteran que, con independencia do que ocorrer o 25S, o PSOE manterá a oposición á investidura de Rajoy.

Non é presumíbel que Rajoy faga absolutamente nada entre este 2 de setembro e o 25. Deixará que corra o tempo, a súa grande especialidade, e especulará con que os críticos de Sánchez vaian facendo cocer no seu caldo o secretario xeral do PSOE. Fiará todo á potencia eleitoral de Feijóo e agardará impaciente o escrutinio.

Non é presumíbel que Rajoy faga absolutamente nada entre este 2 de setembro e o 25. Deixará que corra o tempo, a súa grande especialidade

A incógnita está en saber que fará durante este período Pedro Sánchez. O probábel é que imite Rajoy e entre en estado de hibernación, un pouco como o que fixo nas semanas seguintes ao 26X. Estará na campaña galega, a tentar que Leiceaga resista o sorpasso, e na vasca. E ollará tamén con impaciencia para os computadores que na noite do 25S vaian envorcando os resultados.