Rego advirte a Sánchez: "Para cumprir coa Galiza e avanzar en democracia, aquí está BNG; para pactar co PP, non conte connosco"

O deputado do BNG Néstor Rego, esta cuarta feira no Congreso español (Foto: Nós Diario).
O deputado do BNG exixe ao presidente do Goberno español "que se cumpra integramente" o acordo de Investidura entre BNG e PSOE: "Se ben é verdade que foi avanzando, vai con máis demora do que debería".

Durante a comparecencia do presidente do Goberno español no Congreso, Pedro Sánchez, o BNG tendeu a man ao Executivo estatal "para aplicar as medidas comprometidas coa Galiza, para avanzar en liberdades, en democracia, en dereitos sociais e nacionais e mesmo para buscar a paz fronte ao xenocidio sionista en Palestina".

Pola contra, o deputado nacionalista Néstor Rego, advertiu que se o presidente "quere seguir pactando co Partido Popular, continuar discriminando á Galiza ou incumprindo os compromisos, non contará co BNG". Paralelamente, a fronte nacionalista lamentou as medidas presentadas polo Goberno español para a rexeneración democrática, xa que, en opinión do deputado, "fican curtas e perden a credibilidade pola actitude do Goberno".

No marco da comparecencia do presidente do Goberno español no Congreso para explicar as decisións dos últimos consellos europeos e as liñas do chamado Plan de Acción pola Democracia, o deputado do BNG interveu para alertar o Goberno estatal. "O BNG só ten un voto, mais lémbrolle que nesta lexislatura xa foi decisivo en varias ocasións. Pode vostede ter a tentación de minusvalorar a relevancia dese voto, mais non a teña de minusvalorar, porque se enganaría, a forza reivindicativa e a dignidade colectiva do pobo galego", apercibiu Rego a Sánchez.

"Cumprimos o que acordamos, mais exiximos que se cumpra o pactado"

"Se votamos a favor da súa investidura foi por dúas cuestións: por cumprir o noso compromiso de frear a dereita ultra e a ultradereita e, sobre todo, a cambio dun acordo de investidura con medidas moi relevantes para a Galiza", lembrou o deputado do BNG.

"Se ben é certo que nos últimos tempos se foi avanzando na execución do acordo, vai todo con máis demora do que debería e a decisión do Goberno de non sacar adiante un orzamento non vale de escusa". Proseguiu o nacionalista. "Nós, o BNG, somos xente seria, cumprimos o que acordamos, mais igualmente exiximos que se cumpra integramente o pactado connosco", alertou.

"Está ben que nos anuncien avances nos estudos para a implantación do tren de proximidade ou para a modernización da rede ferroviaria interna da Galiza. Mais, a estas alturas, tiñan que estar creados tres novos xulgados de violencia de machista na Galiza ou as novas bonificacións aprobadas na Autoestrada do Atlántico e transferila", exemplificou o deputado do BNG.

Tras levantarse as barreiras de peaxe na AP-7 en Alacant (País Valencià), Rego preguntou ao presidente do Goberno español: "Por que na AP-9 aínda non?". Para a fronte nacionalista, dixo, é preciso "pór punto final á estafa colectiva e á discriminación que implica a prórroga de 25 anos da AP-9, acordado por un Goberno do PP mais agora defendida polo PSOE". "Os galegos e galegas non somos menos que ninguén e o BNG non vai permitir que se manteña ou se produza ningún tipo de discriminación á Galiza", prometeu.

"A diferenza de vostedes, o PSOE, que votan en Compostela a favor de rescatar a AP-9 e aquí fan exactamente o contrario, nós somos, sempre fomos e sempre seremos, absolutamente coherentes. Señor Sánchez, en que se diferencian nisto vostedes do Partido Popular? Dígollo eu, en nada, simplemente se alternan na discriminación á Galiza”, aseverou o deputado do BNG.

Sobre a sentenza do Supremo sobre a eólica mariña a Rego non lle sorprendeu que a Xustiza española estea, máis unha vez, "do lado dos poderosos". "Cando se trata de escoller de que lado estar, se das grandes eléctricas ou dos traballadores e traballadoras do mar, o Tribunal Supremo, o PP e o PSOE están con Iberdrola e as grandes enerxéticas e co espolio ao noso país" subliñou. O BNG, reivindicou Rego, "está e estará sempre co sector pesqueiro galego e coa riqueza que se xera na Galiza".

Rexeneración democrática cumprindo o prometido

En opinión da fronte nacionalista, as medidas anunciadas polo presidente do Goberno español "fican curtas" para unha verdadeira rexeneración democrática e, sobre todo, afirmou Rego, "carecen da credibilidade necesaria", mesmo "perdéndoa cando incumpren sistematicamente aquelas promesas e compromisos máis importantes".

"O problema vai moito máis alá do ámbito da prensa e a solución tamén debe ser máis que os 100 millóns de euros anunciados para a dixitalización dos medios", sinalou Rego. "Por certo, existe prensa en galego, eusquera e catalán que tamén ten dereito a contar nas axudas e a publicidade institucional. O contrario é discriminación lingüística", apuntou Rego.

"Que credibilidade quere que deamos á súa vontade de rexeneración democrática se despois dunha teatralización de cinco días en que se centraba no ámbito xudicial controlado pola dereita máis ultra e o lawfare, o primeiro que fai o Partido Socialista é pactar co Partido Popular a renovación do CXPX [Consello Xeral do Poder Xudicial]?", preguntou Rego ao presidente do Goberno español.

"Perden credibilidade", continuou o deputado do BNG, "cando prometeron PSOE e UP-Sumar derrogar integramente a reforma laboral do Partido Popular, e non o fixeron; cando prometeron derrogar as reformas das pensións e mesmo introduciron novos recortes e vías de privatización; cando prometeron derrogar a Lei da Mordaza e aínda está en vigor". "Agora anuncian de novo unha derrogación e á hora seguinte matizan que si, mais só un pouquiño, unha reforma, como dixo vostede, que ficará nunha reformiña", concluíu Rego.