Rueda afirma que non vai "tolerar" que non se aproveiten os recursos mineiros da Galiza

Alfonso Rueda, nunha comparecencia (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente pronúnciase sobre as alertas veciñais polo 'boom' das minas.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sostivo esta segunda feira que non vai "tolerar" que non se exploten os recursos mineiros existentes en territorio galego, afirmacións que se producen após a semana pasada constituírse no sueste da Galiza plataformas que alertaban do interese dunha empresa madrileña por explotar litio e do impacto desta actividade.

Unha empresa con sede social en Madrid está detrás dos tres proxectos para a procura de litio que afectan seis concellos de dúas comarcas do sueste galego, Verín e A Limia. Os permisos solicitados por Omega Real Estate SL son para investigación mineira e afectarían unha área de máis de 3.500 hectáreas. Veciñanza destas comarcas empezou a organizarse para solicitar a paralización dos tres proxectos e advertir do 'boom mineiro' ao que podería dar lugar o recentemente aprobado —10 de xuño— Plan de desenvolvemento de dereitos mineiros, que vai examinar os 200 dereitos para minaría —de permisos de explotación a concesións— que están caducados.

A preguntas de Nós Diario, Alfonso Rueda afirmou descoñecer quen son "os promotores" das investigacións na Limia e Verín, mais dixo que "se temos recursos, debemos aproveitalos", indicando que "en todas partas os aproveitan". O presidente referiuse "aos de sempre, que teñen as posturas de sempre", en referencia a quen advirte do impacto dos proxectos mineiros, e engadiu: "Non facer nada non é de recibo, a Galiza perdería oportunidades e non vou toleralo". 

O titular da Xunta da Galiza deu esta resposta na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego. Na mesma informou da aprobación dunha nova Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) polo Executivo, un proxecto para cultivar amorodos ecolóxicos en Curtis (As Mariñas) en un millón de metros cadrados; así como da licitación dun novo contrato para a xestión dos albergues públicos do Camiño de Santiago cunha dotación de 12 millóns de euros que alcanzarán os 79 centros. Unha xuntanza do Consello da Xunta que tamén aprobou o destino de 420.000 euros a confrarías en concepto de axudas por perdas de marisco, así como de 3,2 millóns de euros para rehabilitar edificios para vivendas de aluguer en Ourense, Ribadavia (O Ribeiro), Tui (Baixo Miño).

Baltar

A prensa tamén preguntou ao presidente se o senador José Manuel Baltar debía de deixar o cargo ante o seu inminente xuízo no Supremo por conducir a 215 quilómetros por hora un coche oficial. "Hai que esperar [ao resultado do xuízo] para tomar decisións", respondeu conciso Rueda. Preguntado sobre as críticas dos concellos á Xunta polo infrafinanciamento do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF), defendeu que era un servizo de "responsabilidade municipal" e instou o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o socialista Alberto Varela, a que "reclame" tamén ao Goberno estatal. 

Títulos de Educación

A Comisión para a simplificación e eficiencia na xestión educativa, creada coa finalidade de reducir a burocracia nos centros educativos, aprobou esta segunda feira, entre outras medidas, implantar un sistema de expedición automatizada de certificados.