Rueda fecha a porta a negociar bilateralmente co Goberno estatal un modelo de financiamento para a Galiza
A presidente de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, deixouno claro a finais da semana pasada, horas antes da reunión en Madrid dos 'baróns' territoriais do PP: nada de diálogos bilaterais entre comunidades e Goberno español sobre financiamento, o modelo de financiamento débese negociar conxuntamente entre todas as autonomías. O presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, bendiciu esta estratexia naquel conclave e o presidente da Xunta da Galiza defendeuna esta segunda feira na súa comparecencia semanal após a reunión do Goberno galego.
A preguntas de Nós Diario sobre se o Executivo galego aceptaba a proposta formulada esta fin de semana por Pedro Sánchez dun diálogo bilateral coas comunidades para que estas poidan xestionar e recadar máis impostos, Rueda negouse en rotundo. "Nada de conversas bilaterais sobre financiamento, o que hai que ir é ao Consello de Economía Política e Fiscal", onde están representadas todas as comunidades. "Iso de falar bilateralmente a Galiza non lle convén", manifestou, fechando así a porta a unha negociación directa co Estado sobre que modelo de financiamento convén a Galiza.
O presidente aclarou que se Sánchez o convoca a unha xuntanza, "irei, telo moitas cousas que falar con el", mais que non está disposto a que na orde do día dese encontro estea o financiamento. Para o presidente da Xunta, o financiamento da Galiza debe de ser abordado nunha cita con todas as comunidades presentes.
Segundo o informe elaborado polo Consello de Contas, O actual modelo de financiamento, deixa a Galiza cun déficit anual de 1.535 millóns de euros.
Tamén a preguntas da prensa, o mandatario lamentou a "falta de información" sobre os Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano e se o fonteGoberno español tentará finalmente sacalos adiante.
Eloísa Núñez
A prensa tamén preguntou esta segunda feira ao presidente se Eloína Núñez, curmá de Alberto Núñez Feixoo, e ex xeranta da área sanitaria do Sergas en Santiago —onde a súa xestión foi moi criticada por persoal e usuarios— é a nova subdirectora xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellaría de Política Social.
"Todo o mundo ten dereito a presentarse a un posto e ela ten experiencia abondo para ocupalo", limitouse a dicir. Breve foi tamén na resposta á pregunta que lle pedía a súa opinión sobre que Cobre San Rafael activase unha campaña de contratación para a mina de Touro cando esta aínda está pendente de autorización da Administración galega. "A política de contratación das empresas non é cousa da Xunta".
Banco de Explotacións
Respecto dos contidos do Consello da Xunta, compañado da conselleira de Medio Rural, anunciou a posta en marcha dun Banco de Explotacións, coa fin de estabelecer contactos entre propietarias que ceden as súas explotacións e interesadas en continuar con estes negocios.
Altri: Rueda recoñece que non leu o informe
O presidente da Xunta, mostrou o seu "sopresa" por que o Consello da Cultura Galega considere como "proritaria" a elaboración dun informe sobre o proxecto de Altri na comarca da Ulloa, un documento que o mandatario recoñece que non leu máis aló das informacións xornalísticas respecto diso.
A preguntas dos medios na comparecencia , o presidente galego sinalou que non vai entrar "" no contido do informe presentado a semana pasada porque, como admitiu, non o leu "na súa totalidade", aínda que recalcou a súa "sorpresa" e a de "bastante xente" polo obxecto do estudo que cuestiona a idoneidade do proxecto por parte da institución autonómica.
Rueda remarcou a súa "sorpresa" polo tema elixido e polo feito de que fose presentado en comparecencia ante os medios. "A min sorprendeume e tamén creo que o Consello da Cultura Galega ten que entender que, igual que teñen liberdade para tomar as súas decisións sobre os proxectos que levan a cabo, tamén todo o mundo ten liberdade para sorprenderse ou criticar o seu resultado", engadiu.