Consello da Xunta

Rueda sae en defensa de Altri: "Dinse cousas da empresa que non son así"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta insiste en que o proxecto da compañía lusa só obterá os permisos "se cumpre" con toda a normativa vixente.

"Algunhas cousas que se dixeron [na manifestación do domingo na Ulloa contra Altri] non son así"; "hai datos que se dan por certos [sobre o proxecto para Palas de Rei] e non son así"; "fixéronse afirmacións [sobre Altri] que non son así". Alfonso Rueda, a preguntas da prensa sobre a mobilización do domingo, mostrou esta segunda feira o seu respecto polos manifestantes para, a seguir, apuntar a que na multitudinaria protesta se faltara á verdade.

De feito, indicou que a empresa "desmentiu algunha desas afirmacións", situándose así o presidente da Galiza do lado do relato da pasteira sobre o seu proxecto fronte ao de colectivos sociais, veciñais e produtivos. Interpelado Rueda sobre que aspectos ou cuestións se dixeron na manifestación que, segundo el, "non son así", o presidente non concretou máis alá de se referir a aseveracións feitas no Parlamento sobre que Altri tería unha "extensión maior que outros proxectos", mais sen mencionar cales.

O titular da Xunta puxo o Goberno galego como o encargado de avaliar a solicitude e "velar" para que se cumpra a lei. Mais axiña engadiu a seguir que "a Galiza non se pode permitir alegremente perder postos de traballo industriais" e que "non podemos deixar pasar oportunidades que aproveitarán noutros lados". Ademais, acusou a oposición de ter no seu 'non' a este proxecto un "interese político clarísimo".

Dito isto, sinalou o Goberno español por ser O que, apuntou, se reservou a xestión dos fondos industriais contemplados nos Next Generation, polo que deberá decidir se dá ou non fondos a Altri. O propio Rueda recoñecía após un Consello a finais de abril que se abría a financiar o proxecto con fondos da Xunta.

Palestina

Tamén a preguntas da prensa, nesta ocasión sobre o recoñecemento polo Goberno español do Estado palestino, Rueda afirmou que o que procuraba Pedro Sánchez con este paso era "polarizar" en época "de eleccións".

Pladiga e outros asuntos

Xa sobre os contidos do Consello, o presidente anunciou o visto e prace do Goberno ao Plan de defensa contra incendios forestais (Pladiga), do que destacou que amplía a videovixilancia forestal a 85% do territorio e que mobilizará 7.000 efectivos de diferentes administracións contra o lume.

Tamén anunciou unha nova edición do bono turístico, que poderá descargarse a partir de 1 de xuño e para ser usado de 10 de setembro a 25 de decembro. O Executivo galego, aliás, aprobou na súa reunión semanal alargar o programa de ciberseguridade para protexer os datos que posúe a Xunta, administracións locais e universidades; asi como unha serie de liñas de axudas para empresas e autónomos.

O presidente anunciou, ademais, que esta terza feira está prevista a presentación dunha plataforma de contidos "de calidade e personalizados" para o ensino, na que se incorporarán todas as materias.