Manifestación histórica en Palas de Rei contra a macrocelulosa de Altri

Milleiros de persoas ateigaron este domingo a praza da Feira de Palas de Rei (A Ulloa) nunha protesta contra a celulosa de Altri. (Foto: Ulloa Viva)

Unha multitudinaria marcha clama na comarca da Ulloa contra a fábrica de Greenfiber: "É un atentado á nosa maneira de vivir".

Máis de 20.000 persoas marcharon na mañá deste domingo polas rúas de Palas de Rei (A Ulloa) para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto de macrocelulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar na localidade, nunha histórica manifestación que mobilizou até o corazón da Galiza plataformas, colectivos e asociacións de todos os puntos do país.

Baixo o lema 'Desde a Ulloa até a ría, terra, auga e aire son vida! Altri Non!', a manifestación partiu pouco antes das 12.30 horas desde o Polígono industrial da localidade e dirixiuse, a través da estrada N-547, cara ao centro do municipio para concluír nunha abarrotada praza da Feira, onde se puideron escoitar berros como "Altri Non", "A auga e nosa e non da celulosa" ou "Galiza está aquí, Rueda en Madrid" —en relación á manifestación convocada polo Partido Popular este domingo na capital do Estado español e á que asistiu o presidente da Xunta da Galiza—.

En declaracións aos medios antes do inicio da marcha, a portavoz da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, sinalou que este domingo querían dar "o segundo golpe na mesa" e visibilizar que a comarca non quere "nin a Altri nin a Greenalia nesta contorna".

"Este proxecto parécenos un atentado directo á nosa maneira de vivir e ao noso medioambiente e hoxe, despois das 25.000 alegacións que presentamos, imos volver dicir alto e claro que non queremos este proxecto porque vai en contra de todo o que queremos", reivindicou.

Segundo explicou Gontá, “o que pretenden é privatizar recursos e bens que son de todos e todas nós para que se lucren catro e que sexan aínda máis ricos”. Por iso, a voceira da plataforma pediu aos partidos políticos “que nos digan de que lado están”.

Gontá afirmou que “neste problema metéronnos decisións políticas, e agora que estamos outra vez en campaña queremos saber cando vaiamos votar de que lado están eles, se da veciñanza que non quere esta celulosa nin na Ulloa nin en ningún sitio da Galiza, ou do lado dos cartos e os intereses duns poucos”.

Ao longo da mañá rexistráronse retencións quilométricas nas estradas que levan a Palas de Rei ao seu paso por municipios como Melide e Arzúa. Os atascos bloquearon a circulación, especialmente na N-547, incluso após o comezo da manifestación, polo que a cifra de asistentes á marcha contra a celulosa de Altri que achegou a organización —máis de 20.000 persoas, multiplicando por sete a poboación de Palas de Rei— podería ser incluso superior. Foron máis de 40 os autobuses que transportaron xente de toda a Galiza este domingo a Palas de Rei, chegados desde Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo, O Morrazo, O Salnés, O Barbanza ou Pontevedra.

 

"Isto chámase espolio"

A multitudinaria manifestación ateigou a praza da Feira de Palas de Rei, onde rodeadas de veciñas e veciños, Maika Sánchez Fuciños (veciña do Sexo, Agolada), e Mónica Cea (veciña da Vacariza, Palas de Rei) leron emocionadas o manifesto entre aplausos e berros en contra de Altri.

As dúas representantes da plataforma Ulloa Viva colocaron os presentes no ano 2030, coa lembranza dun 26 de maio de 2024 “no que todo empezou a cambiar”. Falaron de que “ríos de xente de toda a Galiza asolagaron as rúas para defender o río que a celulosa quería matar. E sabedes que? Malia todo o poder e o diñeiro dos promotores, gañamos. Gañamos. Conseguimos parar aquel terríbel despropósito”.

No seu relato, Maika e Mónica amosáronse “orgullosas de ter, no canto dunha paisaxe monocroma de eucaliptos, un mosaico rico que favorece a todos os sectores. No canto de tres quendas duns centos de persoas que poderían enfermar por respirar os fumes dunha celulosa, somos milleiros de traballadoras e traballadores responsábeis da natureza que coidamos e que nos coida”.

“Nesta 'Terra do Medio', as comarcas do corazón xeográfico da Galiza son un lugar en rexeneración. Son unha oportunidade para poder desenvolver economía sostíbel, onde se traballe co territorio protexéndoo. Porque dependemos da terra, da auga e do aire. Eses e non a cobiza desmedida duns poucos son os alicerces das nosas vidas”.

Mencionaron tamén a xente nova que escolle A Ulloa, Melide, Arzúa, Agolada ou Santiso para se asentar. “Na terra dos nosos avós hai futuro, madia leva que o hai. Vémolo e estamos orgullosas, como estamos orgullosas das nosas raíces agrogandeiras, as que nos alimentaron, aliméntannos e seguen a ser esenciais”.

No manifesto dixeron “basta a que non se nos escoite, que mais de 25.000 alegación son motivo suficiente para parar o proxecto”. E explicaron que “temos unha obriga cos nosos devanceiros, que conseguiron para nós unha calidade de vida alta, e temos unha responsabilidade cas nosas fillas e fillos: deixarlles unha comarca coidada que lles permita vivir ben, que lles permita o bo vivir”.

Por iso, afirmaron que “defendemos con todo o noso corazón a terra, o aire e a auga e por iso dixemos, e dicimos, que xa chega de Altri, de Greenalias e de Greenfibers”. Para rematar deixaron claro que “non é desenvolvemento, non é progreso: chámase espolio. Porque esta terra é nosa e non das empresas especuladoras”.