O PP pide para a celulosa de Altri unha subestación eléctrica custeada con cartos públicos

O Proxecto Gama de Greenfiber (Altri e Greenalia) para a celulosa da Ulloa di que a empresa vai construír unha subestación eléctrica na fábrica e reclama a Rede Eléctrica que constrúa outra subestación na zona. A pasteira declárase "autosuficiente" enerxeticamente pero pide fondos públicos para garantir o seu subministro. A pasteira portuguesa quere unha conexión de 110 MW e 3 quilómetros de liña que precisa de Rede Eléctrica Española (REE).
O ex conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde reclamou esta semana no Congreso financiamento para Altri (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde reclamou esta semana no Congreso financiamento para Altri (Foto: Nós Diario).

Greenfiber (Altrti e Greenalia) resume en tres parágrafos do seu Proxecto Gama (páxina 92) para construír unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) as súas necesidades de enerxía eléctrica. A pesar de que nos seus anuncios públicos Altri asegura que a fábrica vai ser “autosuficiente” enerxeticamente, o certo é que no proxecto publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 4 de marzo a empresa recoñece que vai precisar enerxía eléctrica para a súa posta en marcha, unha electricidade que prevé nunha subestación de 7.000 metros cadrados dentro da planta, pero para a que demanda ademais que Red Eléctrica Española (REE) constrúa outra subestación na zona cunha conexión de 110 megawatts (MW) e unha liña de arredor de 3 quilómetros coa que conectar a súa subestación cos nodos externos de REE.

O PP exixiu esta semana dedicar cartos públicos á macrocelulosa

Isto que figura no proxecto non está aínda tramitado por parte da empresa, pero o PP xa está a demandar este investimento con cartos públicos nas institucións nas que está representado. Isto viuse tanto en Madrid como na Galiza esta mesma semana. Na terza feira, o ex conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde (agora deputado en Madrid pero un dos valedores de Altri na Xunta), defendía no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei pedindo o apoio do Goberno español ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Ademais de pedir os fondos do Proyecto estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) da descarbonización da UE aos que aspira Altri, Conde incluíu no texto desta iniciativa no Congreso outra petición, en concreto “solicitar que o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico inclúa de modo inmediato unha modificación na Planificación Eléctrica 2021-2026 a efectos de que se poida construír a subestación eléctrica precisa para garantir o abastecemento enerxético da planta”. 

Dous días despois, esta quinta feira, o PP no Parlamento da Galiza presentaba na comisión de Industria outra proposición non de lei cunha petición semellante, literalmente “instar o Goberno galego a dirixirse ao Goberno de España para exixir que inclúa na Planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 todas as medidas xa trasladadas reiteradamente pola Xunta da Galiza e que son precisas para dar resposta ás necesidades dos proxectos industriais intensivos en enerxía cuxa viabilidade e competitividade dependen da conexión eléctrica, como a construción dunha subestación eléctrica para o subministro da planta de Altri en Palas de Rei".

Tamén se sumou directamente a Xunta da Galiza, a través da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, que o pasado mes de novembro dicía desde a tribuna do Parlamento da Galiza que “Altri precisa que o Executivo aclare como se vai garantir a interconexión eléctrica precisa”. 

Greenfiber asegura que a súa planta rematará por ser “autosuficiente”, pero no seu proxecto presentado diante da Xunta da Galiza para a súa tramitación a empresa asegura que “aínda que a planta é en gran medida autosuficiente en termos enerxéticos, haberá momentos nos que precisará aproximadamente 110 MW” e por “seguridade operativa” demanda esa conexión da rede pública de REE a través dun “seccionamento na liña con derivación até a subestación da fábrica a 3 quilómetros”. Nada d Altri da localización desta nova instalación eléctrica que demandan, pero a falta dun proxecto pendente de presentar, todo parece indicar que a zona de onde a macrocelulosa quere sacar electricidade é de Melide.

Veciñanza desta zona explica a Nós Diario que “é incríbel que ao longo de máis de 20 anos se manteñan na zona liñas eléctricas deficitarias, do “século XIX, e agora de repente porque o pide Altri, chegue a Alta Tensión”. Veciños e veciñas da zona queren saber “de onde sae o reforzamento desa liña eléctrica”. Critica a veciñanza preguntada por Nós Diario que “até o de agora a Xunta non se preocupou por zonas nas que, cando un veciño acende a ordeñadora, o resto non pode conectar á rede máis de dous electrodomésticos”.

A Xunta na defensa de Altri

A demanda de enerxía eléctrica de Altri para a celulosa en Palas de Rei (110 MW) supón a produción de enerxía total dos tres parques eólicos de maior potencia de Gamesa e Greenalia (que ten 25% de participación na celulosa que proxecta Greenfiber): os parques de Campelo, Bustelo e Monte Toural, localizados en Coristanco (Bergantiños), Santa Comba (O Xallas) e Carballo (Bergantiños).

O secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas, critica diante destes feitos que “A Xunta faga de axente comercial de Altri”. Segundo os cálculos e a experiencia de Adega, o vindeiro mes de xuño podería estar resolta a cuestión da captación da Auga que Altri pediu a Augas da Galiza o pasado mes de decembro, ao que seguirían a solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI) e tamén este mesmo mes as bases da convocatoria do Perte da descarbonización do que Xunta e Altri demandan os 250 millóns de euros de fondos da UE para a macrocelulosa de Palas.

Altri "non ten electricidade nin auga para a súa celulosa", sinala Fins Eirexas

Logo de ratificar o estado de tramitación do Proxecto Gama, Fins Eirexas ratifica que estamos diante dun proxecto que ten “todo no ar”. Explica o secretario técnico de Adega a este xornal que a día de hoxe Altri “non ten auga, non ten electricidade, non ten a patente precisa para fabricar liocell e non ten nin os terreos para construír a planta”.


Ulloa Viva prevé que a mobilización deste domingo en Palas de Rei "faga historia"

Todo está preparado para que o domingo, 26 de maio, o concello de Palas de Rei (A Ulloa) acolla unha mobilización “histórica”. Así o aseguran desde a Plataforma Ulloa Viva, que convoca a mobilización, e organizacións que van desde a CIG a Adega ou a rede de consumidores Facua, apoian a convocatoria. A presidenta da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, lembrou que a veciñanza da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa rexeita este proxecto e convidou todos os galegos e galegas a sumarse este domingo en Palas de Rei ao berro de “Altri Non” para dar “outro golpe na mesa”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou esta sexta feira que asistirán baixo o lema “Na defensa da nosa terra, Altri Non” e fixo un chamamento á participación na convocatoria deste domingo en Palas. O sindicato pon tamén a dispor das persoas de toda Galiza que queiran acudir a Palas de Rei autobuses desde as principais cidades galegas. 

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, desprazouse esta sexta feira ao encoro de Portodemouros (Agolada, O Deza) para facer un chamamento á participación da mocidade de todo o país en contra do proxecto da macrocelulosa. Alí presentaron a campaña “As caras de Altri” coa que pretenden “quitar as máscaras aos poderes que están detrás deste proxecto”. Nos cartaces están Alfonso Rueda, a ex conselleira de Medio Ambiente e actual conselleira de Greenalia Beatriz Mato, ou ex ministro socialista José Branco, que está á fronte da consultora Acento, que impulsou o proxecto de Altri na Galiza. 

Comentarios