'As caras de Altri': Galiza Nova pon o foco "nas persoas responsábeis da macrocelulosa"

Alba Regueiro, responsábel comarcal de Galiza Nova: "Queremos quitar as caretas e mostrar cales son as caras que están detrás deste proxecto que pretende destruír o noso país e o noso futuro".
Presentación da campaña de Galiza Nova 'As caras de Altri' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación da campaña de Galiza Nova 'As caras de Altri' (Foto: Nós Diario).

Co encoro de Portodemouros (entre as comarcas de Arzúa e do Deza) de fondo, Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentou esta quinta feira a súa campaña 'As caras de Altri' coa que pretenden pór o foco nas persoas responsábeis da macrocelulosa que Altri pretende instalar no concello de Palas de Rei (A Ulloa), así como para animar a toda a mocidade a mobilizarse na manifestación que terá lugar neste municipio o domingo.

Tal e como manifestou Alba Regueiro, responsábel de Galiza Nova na comarca, "a nosa é unha das comarcas máis afectadas por esta bomba medioambiental e é necesario que se saiba quen está detrás, que hai responsábeis políticos pretendendo hipotecar o noso país e o noso futuro".

"Con este obxectivo ensinámosvos as verdadeiras caras de Altri, para sinalar o papel que tiveron persoas como Ánxeles Vázquez ou o presidente do Goberno da Xunta, Alfonso Rueda, que máis unha vez demostran que os seus intereses están do lado dos grandes poderes económicos e non da sociedade galega", engadiu.

"Afecta a todo o país"

Até Arzúa achegouse tamén Marta Gómez, secretaria xeral da organización, que fixo fincapé en que este é "un problema que afecta a todo o país, a nivel de impacto medioambiental, mais tamén económico, social e por suposto político", sinalou.

Gómez acrecentou que "Galiza Nova, xunto con Erguer, rexistrou no mes de abril ao redor de 5000 alegacións ao proxecto de Altri e estará este domingo na manifestación convocada pola plataforma Ulloa Viva no concello de Palas de Rei".

Con esta campaña a organización xuvenil do BNG quere animar tamén a toda a mocidade non só da comarca, senón de todo o país, a mobilizarse e "demostrarlle ao Partido Popular cales son os verdadeiros intereses da mocidade galega".

Comentarios