A CIG chama a toda a sociedade galega a participar na manifestación contra a fábrica de Altri convocada pola plataforma Ulloa Viva este domingo, 26 de maio, en Palas de Rei (A Ulloa).
A central nacionalista acudirá á mobilización cunha faixa propia co lema 'Na defensa da nosa terra, Altri Non' e porá autobuses a disposición desde as principais cidades para facilitar o desprazamento.
A CIG rexeita "o modelo de industria de enclave que representa o proxecto GAMA de Altri-Greenalia" e critica que "o Goberno de Rueda o declare de utilidade pública e proxecto industrial estratéxico".
"Modelo depredador"
Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que "estamos diante dun modelo depredador dos nosos recursos naturais, con grave impacto ambiental, social e económico, que non leva aparellado o fechamento dos ciclos produtivos e que é contrario a termos un monte galego con futuro".
Por iso fai un chamado a intensificar a mobilización social até conseguir paralizar un proxecto que, "desde que se deu a coñecer, ten recibido o rexeitamento de colectivos e agrupacións dos máis diversos ámbitos".