Palas de Rei acolle unha manifestación que busca "facer historia" contra a macrocelulosa de Altri

Carteis en contra de Altri en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)

Trátase da primeira gran mobilización contra o proxecto de Greenfiber para Ulloa

O Concello de Palas de Rei (A Ulloa) acolle este domingo, 26 de maio, unha manifestación que busca "facer historia" en contra do proxecto da macrocelulosa que Altri prevé instalar neste municipio, unha industria que atopou cunha forte oposición veciñal e de diferentes colectivos ecoloxistas ante o que consideran unha "bomba ambiental".

A marcha, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, partirá ás 12 horas do polígono industrial baixo o lema 'Desde a Ulloa até a ría, auga e aire son vida! Altri Non!'. Terminará na rematará na praza da Feira tras un percorrido de algo máis dun quilómetro.

A mobilización conta co apoio de numerosos colectivos e asociacións, de forma que se organizaron diferentes buses que levan xa participantes desde toda a xeografía galega. Até haberá zona para comer no campo en Os Chacotes, con postos de produtores alimentarios de proximidade.

Tras levar as súas reivindicacións ao Parlamento galego, Congreso e Bruxelas, ademais de diferentes actos simbólicos e protestas, a plataforma convoca a que será a primeira manifestación en contra do proxecto.

Mónica Cea, representante da Plataforma Ulloa Viva, fixo un chamamento para participar e "facer historia" con esta mobilización, xa que este proxecto "non é bo" para A Ulloa, pero "tampouco para ningún outro sitio da Galiza". Quere que cando se bote a vista atrás no futuro poidan estar "orgullosos" desta marcha.

Alerta de riscos para a saúde

A pasada cuarta feira, os colectivos SOS-Sanidade Pública, Plataforma Ulloa Viva e Santiso Vivo alertaron sobre o "problema que pode supor a nivel de saúde pública" a fábrica de Altri en Palas de Rei, entre o que citaron choiva aceda, efecto invernadoiro, contaminación de augas do río Ulla e da ría de Arousa, así como emisión de dioxinas que producen problemas respiratorios e diferentes tipos de cancros.

Así mesmo, esta mesma semana, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) advertiu de que a planta se convertería, de levarse a cabo, na fábrica de celulosa "máis contaminante" do Estado español, emitindo á atmosfera máis contaminantes que o conxunto de ceulosas do territorio estatal, segundo as conclusións da análise da documentación do proxecto feita polo biólogo e profesor da USC Ramón Varela.

Ante estas afirmacións, Greenfiber, do grupo portugués Altri, defendeu que a planta de fibras téxtiles que proxecta na Ulloa "non emitirá dioxinas nin será prexudicial para a saúde".

Así mesmo, esta semana o PP ficou só no Parlamento galego en defensa dunha iniciativa en prol deste proxecto, que contou co rexeitamento de BNG e Democracia Ourensá, así como a abstención do PSdeG.

Proxecto

Segundo figura no estudo ambiental que saíu a información pública en marzo, a planta contará cun investimento de 900 millóns de euros na súa primeira fase. O Consello da Xunta declarou este proxecto industrial como estratéxico en decembro de 2022.

A celulosa estará asentada no Predio de Quintas, na Vacariza, parroquia de Remonde, no Concello de Palas de Rei. Ademais, os municipios de Melide e Santiso (Terra de Melide), así como Agolada (Deza) tamén se verán afectados polas infraestruturas necesarias, entre elas, a captación de auga desde o encoro de Portodemouros.

A fábrica necesitará a captación duns 20.000 metros cúbicos de auga do río Ulla ao día, cun máximo de 46.000 metros cúbicos diarios.

Multitude de entidades e persoas a título individual presentaron alegacións nas que se denuncian cuestións como que provocará problemas de abastecemento ao empregar diariamente o mesmo que "toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día", cun aumento da temperatura do río Ulla, fomento da eucaliptización e contaminación, ademais de ocupar "tanto terreo como a extensión de Santiago de Compostela".