O Manifesto de Monterroso une empresas e produtoras agroalimentarias contra Altri

“Somos fillas dunha paisaxe que nos alimenta, que é o noso fogar. Somos irmás da terra, o ar e a auga”. Así comeza o manifesto das produtoras e dos produtores presentando esta terza feira en Monterroso (A Ulloa) e no que alertan da “ameaza” e do “perigo” que a macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri proxecta en Palas de Rei supón para o corazón da Galiza. Denominacións de Orixe e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica opóñense á celulosa.
Rolda de prensa esta terza feira en Monterroso na que se presentou o manifesto contra Altri (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rolda de prensa esta terza feira en Monterroso na que se presentou o manifesto contra Altri (Foto: Nós Diario).

O proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) da empresa Greenfiber (a marca de Altri e Greenalia na Galiza) foi rexeitado esta terza feria nun acto decorrido en Monterroso (tamén na Ulloa), no que participaron produtoras e produtores da propia Ulloa, do Deza, da Terra de Melide e de Arzúa. Reuníronse para presentar publicamente un manifesto no que se alerta da “ameaza e do perigo” que esta industria suporía para os negocios e pequenas e medianas empresas que actualmente producen alimentos, bens e servizos nese territorio. Tres produtoras da zona, Ana Corredoira (A Cernada), Natalia Varela (O espírito da colmea) e Marta Fernández (Granxa Maruxa), foron as encargadas de ler o manifesto conxunto de todo o sector produtivo das comarcas e alertaron de que Altri “é unha ameaza e un perigo” para todas elas.

A gandeira en ecolóxico Ana Corredoira explicou a Nós Diario que no sector produtivo da zona teñen constituído un grupo de traballo que leva feito, antes deste pronunciamento público, unha profunda análise do impacto do proxecto de Altri en Palas de Rei. “Temos todas unha fonda preocupación e tememos por esta ameaza directa á nosa forma de vida e ao noso traballo”. Segundo di Corredoira, “somos produtoras de alimentos, somos axentes ambientais, somos parte do ecosistema agroalimentario, un sistema fundamental para toda a sociedade”, asegura.

No manifesto de Monterroso, as produtoras falan do impacto económico que a celulosa de Altri tería sobre o territorio: “Nós fixamos poboación e damos emprego e tamén proporcionamos alimentos de calidade e seguros”, sinala Ana Corredoira. As cifras económicas na zona avalan esta preocupación do sector produtivo das comarcas, na contorna de 30 km arredor do predio de Quintas de Palas de Rei (predio onde se situaría a fábrica) hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos. 

Datos económicos

Collendo só os catro concellos principalmente afectados pola macrocelulosa as cifras da súa produción agraria falan por si soas. Palas de Rei, Melide, Santiso (Terra de Melide) e Agolada (O Deza) suman 758 granxas con distintas orientacións produtivas. Delas, 258 son granxas de produción leiteira, das que saen ao ano 82.193.664 litros de leite.

O selo de queixos Arzúa-Ulloa oponse á celulosa

Outro dato económico da zona que explica esta “preocupación” entre as produtoras é a porcentaxe de persoas afiliadas á Seguridade Social Agraria respecto do total galego. En Palas de Rei esta porcentaxe chega a 24,85%, en Santiso é de 29,87% e en Agolada é de 21,83%. Estes tres concellos e Melide suman perto de 1.000 altas na Seguridade Social Agraria (989), ao que habería que engadir centos de empregos indirectos, como servizos veterinarios, talleres de reparación específica ou mesmo tendas especializadas. Ademais, na zona desenvólvense 23 proxectos ecolóxicos, algúns deles referencia para toda a Galiza.

Denominacións de Orixe

A ameaza de Altri levou tamén a dúas potentes industrias do país, a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e a de Queixo de Tetilla, a posicionarse neste manifesto. Melide é a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa. Esta DOP é a segunda do Estado que máis queixos vende (só por detrás do queixo manchego), forman parte dela máis de 800 explotacións gandeiras en toda Galiza e suma máis de 200 empregos directos, tamén nas zonas afectadas polo Proxecto Gama -nome que leva o proxecto para a construción da celulosa en Palas de Rei-.

Representada esta terza feira en Monterroso estaba a Indicación Xeográfica Protexida Mel da Galiza, dos 82 envasadores rexistrados que hai no país, 10 deles están nos concellos de Lalín e Vila de Cruces (no Deza), Chantada e Taboada (na comarca de Chantada) e Arzúa, todos na contorna do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. No acto estaba presente a Asociación Galega de Apicultores (AGA). 

Esta terza feira en Monterroso, “desde o territorio, desde as comarcas da Ulloa, O Deza e Terra de Melide”, as persoas produtoras e os produtores lanzaron a súa denuncia: “O noso territorio está en perigo, a nosa biodiversidade, hábitats de elevadísimo valor ecolóxico e paisaxístico están en perigo”. No manifesto público din que "a nosa auga, un ben para as comunidades naturais, patrimonio que nunca debería cederse ao interese económico en detrimento do seu papel ambiental e vital para as especias, entre elas a nosa, está en perigo”. 

Advirten as produtoras e produtores de que o seu tecido socioeconómico, “que resultou ser un modelo exitoso de fixación de poboación e de cohesión territorial, está en perigo”. No caso do sector agrogandeiro explican o “peso importante das producións diferenciadas e garantistas cos obxectivos recollidos nas políticas do marco europeo”, para sinalar que Altri tamén o pon en "risco"; do mesmo modo que “está en perigo o noso modelo de desenvolvemento industrial que permite fechar o ciclo produtivo e valorizar o noso territorio e as nosas producións”. 


"Cada hectárea de eucalipto empobrécenos", advirten

Alejandro García é gandeiro, titular da explotación Cachenas Cas Fidalgo, na parroquia de Couto (Taboada, comarca de Chantada). Como produtor da zona, asistiu esta terza feira á presentación do manifesto. Explica a Nós Diario que leva oito anos coa súa explotación, que actualmente ten 46 cabezas de gando, entre becerros e vacas. Desenvolve a súa actividade a 20 quilómetros en liña recta do predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) onde Altri pretende instalar a súa macrocelulosa.

Preocupación pola choiva ácida

"Estamos preocupados pola contaminación atmosférica, no solo, a ameaza da chuvia ácida e a contaminación ao río Ulla”, explica, asegurando que ademais do tema ambiental e a súa afectación ao sector primario, Altri “terá consecuencias económicas na zona, que van afectarnos a todos”. Alejandro García di que o proxecto de Altri é “un pésimo investimento con cartos públicos”. Tamén alerta da perda de terras agrarias polo previsíbel incremento das plantacións de eucalipto. “Nas terras boas de pastos e cereais xa se están plantando, e cada nova hectárea de eucaliptos empobrécenos”. Sinala este gandeiro que un prado aproveitado polo sector gandeiro “ten nove paceduras todos os anos e xera riqueza".

Comentarios