Retencións quilométricas nos accesos a Palas de Rei para asistir á manifestación contra Altri

Retención no acceso a Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)
Pasados vinte minutos da hora prevista de comezo da marcha, centos de vehículos continúan atascados antes de chegar a Melide 

O Concello de Palas de Rei (A Ulloa) acolle este domingo, 26 de maio, unha manifestación que busca "facer historia" en contra do proxecto da macrocelulosa que Altri prevé instalar neste municipio, unha industria que atopou cunha forte oposición veciñal e de diferentes colectivos ecoloxistas ante o que consideran unha "bomba ambiental".

Á marcha, convocada pola Plataforma Ulloa Viva e que partirá ás 12 horas do polígono industrial baixo o lema 'Desde a Ulloa até a ría, auga e aire son vida! Altri Non!', prevese que asistan milleiros de persoas procedentes de todos os puntos de país.

E é que, a falta de menos dunha hora para que comece a manifestación, os accesos a Palas de Reis rexistran retencións quilométricas de autobuses e turismos que intentan entrar na vila para participar na marcha.

Tal é o atasco que na estrada N-547, que conecta Palas de Rei con Compostela, a retención comeza a 31 km da comarca da Ulloa, antes incluso de chegar a Arzúa, á altura das instalación de Toldos Gómez.

As redes sociais fixéronse eco de centos de usuarias e usuarias que permanecen nos seus vehículos. "A cola chega até Boente e está todo cheo de pancartas. A xente continúa chegando", explica Pilar Fernández.

Mentres, no polígono industrial de Palas de Rei, de onde partirá a marcha, concéntranse xa centos de persoas agardando á saída da mobilización. "Serias dúbidas de que nos poidamos mover. Palas de Rei está totalmente desbordada", recolle a conta Altri non! en 'X'.