Rueda reitera que á Galiza "non lle interesa" a condonación de débeda e que non negociará bilateralmente o financiamento

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O presidente galego mantense así na posición defendida por Díaz Ayuso, fronte a outros presidentes autonómicos do PP (como o de Andalucía e Valencia) que si que están dispostos a falar do financiamento das súas comunidades con Pedro Sánchez.

 

O Goberno español confirmaba en novembro pasado a condonación da débeda pública galega acordada co BNG. Aquel acordo arrincado polo BNG ao PSOE para a investidura de Pedro Sánchez incluíu un punto para que a Galiza sexa compensada dunha forma análoga á condonación da débeda a calquera outra autonomía, aínda que a Administración galega non recorrese ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).

Mais o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu, ante a posibilidade de que o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, poida ofrecerlle na reunión prevista para a sexta feira a condonación de débeda,afirnou  que a Galiza "non lle interesa" esta vía porque, a diferenza de Catalunya, "non ten un problema" coa mesma. 

No marco da xornada 'Os retos económicos de Galiza', organizada por 'El País', e á espera de cal será a formulación de Sánchez -aínda que Rueda deu por feito que abordará o financiamento e sopesou a posibilidade de que lle poña riba da mesa unha "oferta"-, o presidente galego voltou expresar o seu rexeitamento a calquera negociación bilateral.

"Unha cousa é falar", matizou o xefe do Executivo autonómico, quen precisou que, ante calquera paso máis aló de Sánchez, lembraralle que o foro adecuado para pechar propostas debe ser "multilateral". Rueda posiciónase así coa liña da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso e non con outros presidentes autonómicos do PP -como o de Andalucía ou Valencia- que si que anunciaron que están dispostos a falar de financiamento con Sánchez.

Con Sánchez, iso si, admitiu que quere alcanzar "acordos" noutras cuestións que son específicas de interese para Galiza -na pasada xornada aludira a investimentos para infraestruturas ou proxectos industriais, por exemplo-.

Iso si, ante a pregunta de se rexeitaría unha condonación da débeda, argumentou que esta vía "non interesa á Galiza" e que non está disposto a dar pasos que "lexitimen" un trato "privilexiado" a Catalunya.