Rueda rexeita o concerto económico en Catalunya e pide a reunión de presidentes

Alfonso Rueda visitou esta segunda feira unha adega (Foto: David Cabezón).
O presidente da Xunta insistiu esta segunda feira en que o Goberno español convoque a reunión da Conferencia de Presidentes, da que asegurou que aínda non ten noticias, e que ve agora "absolutamente imprescindíbel e inaprazábel".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a urxir esta segunda feira a convocatoria da reunión da Conferencia de Presidentes, da que asegurou que aínda non ten noticias, e que ve agora "absolutamente imprescindíbel e inaprazábel". Ao tempo, manifestou a súa convicción de que frear a ruptura da "igualdade básica e solidariedade" que propiciaría o concerto económico catalán debe "transcender cores políticas".

En declaracións aos medios tras un acto en Arbo (A Paradanta), o presidente galego lembrou que hai gobernos autonómicos socialistas -como  o de Asturias- que manifestaron o seu rexeitamento á cota. 

Tamén esta segunda feira, os presidentes autonómicos do PP asinaron un manifesto conxunto contra o concerto económico para Catalunya, no que alertan de que os acordos entre PSOE e os independentistas buscan "substituír" o Estado actual por un "modelo confederal asimétrico" polo que entende que é “un intento ilexítimo de modificar a nosa Constitución e o noso modelo de Estado pola porta de atrás".

Así se recolle no documento asinado polos doce 'baróns' autonómicos do PP antes de reunirse esta sexta feira co seu líder, Alberto Núñez Feixoo, para armar unha fronte común contra o financiamento singular para Catalunya. 

Venezuela no Parlamento

Por outra parte, a viceportavoz parlamentaria e secretaria xeral do PP, Paula Prado, avanzou esta segunda feira que a súa formación levará ao Parlamento galego unha iniciativa para demandar ao Goberno español que recoñeza a Edmundo González como o "presidente lexítimo" de Venezuela e defenda ante a Unión Europea manter "as sancións ao réxime de Nicolás Maduro".