Sánchez anuncia unha rolda de conversas con todas as formacións agás EH Bildu

Reunión Rajoy Pedro Sánchez 13 xullo 2016

Afirma que só se postulará como candidato de ter garantidos os apoios precisos.

Pedro Sánchez move ficha se ben custa determinar cara a ónde. O secretario xeral do PSOE anunciou esta segunda feira que abrirá unha rolda de encontros e conversas con todas as formacións, tamén o PP, nunha iniciativa na que o socialista tan só exclúe EH Bildu, a organización política da esquerda abertzale. Son conversas, pois, para procurar apoios e postularse como candidato? El négao e afirma que con este paso o que procura é achar un desbloqueo á situación actual e evitar unhas terceiras eleccións. Quer dialogar, di, con todos (agás Eh Bildu, deixouno ben claro). Mesmo co Partido Popular, se ben xa afirmou que isto non debe lerse como un movemento para apoiar a investidura dos populares. É un contacto para saber que queren os populares e como pensan que se pode desbloquear a actual situación, afirma.

Sánchez apelou a facer política con maiúsculas e insistiu en que non vai dar o paso de se postular se non ten máis que garantidos os apoios precisos para saír vitorioso do trámite. De aí os convites a Unidos Podemos e Ciudadanos baixo as chamadas ás “forzas do cambio”. Nesta liña, Alberto Garzón (UP) xa dixo que non vetarían Cs nunhas conversas. O secretario de Organización de Podemos, Echenique, pediu a Sánchez que concretase a proposta que quer para formar alternativa e que negocie a abstención de Ciudadanos. Pablo Iglesias, pola súa banda, recoñeceu que, após o anuncio de Sánchez de que vai falar con todos menos non para ser alternativa, “non entendo nada”.

Felipe VI decidiu que de momento non convocará outra rolda de contactos coas forzas parlamentares. O Borbón dá así tempo aos partidos para que tenten procurar unha solución que evite unhas terceiras eleccións. Esta paréntise podería alongarse até despois dos comicios de Galiza e Euskadi, que son o 25 de setembro.