Segunda investidura falida

Sánchez deixa entrever que o PSOE procurará unha "solución" coas "forzas do cambio"

Pedro Sánchez

Había expectación sobre o que o líder do grupo parlamentar socialista puidese dicer na segunda e definitiva sesión da investidura de Rajoy. O resultado foi idéntico ao da cuarta feira: 170 votos a favor do candidato conservador, 180 en contra.

Segunda sesión de investidura falida na historia do réxime do 78, a primeira foi en marzo deste ano e tivo como protagonista Pedro Sánchez, o líder do PSOE, a segunda consumouse esta sexta feira con Mariano Rajoy como aspirante frustrado.

Politicamente o interese non estaba tanto no resultado -absolutamente previsíbel ao non se ter producido ningunha mudanza nas últimas 48 horas-, senón no contido das diferentes intervencións dos líderes políticos e nos sinais que poderían emitir en relación ás súas estratexias futuras.

Nese sentido, a sesión ofreceu basicamente dous titulares: primeiro, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, deixou entrever que procurará unha solución distinta á das terceiras eleccións "coas forzas do cambio"; segundo, o presidente de Cs, Albert Rivera, instou o PP a procurar "un candidato para unha investidura viábel" . Esta apelación a substituír Rajoy foi duramente contestada desde a tribuna polo portavoz conservador, Rafael Hernando, cunha fereza inusitada tendo en conta que se estaba a dirixir a un teórico aliado.

O presidente de Cs, Albert Rivera, instou o PP a procurar "un candidato para unha investidura viábel"

"A responsabilidade que temos [as forzas do cambio] é oferecer unha solución a este país ao atasco político no que nos ten introducido o señor Rajoy e non lles caiba a menor dúbida de que se aximos todos con altura de miras e xenerosidade, estou convencido de que encontraremos entre todos esa solución e non lles caiba dúbida que o PP formará parte desa solución", afirmou na conclusión da súa intervención o secretario xeral do PSOE.

Mesmo así, fontes do PSOE, ao rematar o debate, apresáronse a indicar que o partido socialista non está neste momento a pensar en encabezar unha fórmula de goberno alternativa.

Polas "forzas do cambio" Sánchez entende aquelas que quer o 20D quer o 26X se apresentaron ás eleccións co obxectivo de relevar das súas funcións a Mariano Rajoy. Estaría, mais unha vez, pensando nun acordo tripartito con Cs e Podemos.

Por súa parte, Pablo Iglesias -en declaracións aos meios á conclusión do debate- apostou nun acordo entre o PSOE e Podemos e dixo que nesa tesitura esa alianza debería atopar apoios, sen fecharse por inteiro a negociar con Ciudadanos, embora mostrase unha maior afinidade con Esquerra Republicana de Catalunya.

En todo caso, Rajoy sae moi debilitado desta investidura falida, até porque mesmo o líder de Cs declarou que o pacto co PP caducaba na sesión de hoxe ao non ter atinxido o obxectivo de obter a confianza da cámara.