Sánchez apoia que Galiza teña un financiamento singular

Pedro Sánchez esta cuarta feira no Congreso e Alfonso Rueda e Ana Pontón, tamén esta cuarta, no Parlamento galego. (Fotos: Europa Press/ Nós Diario)
O conselleiro de Facenda considera que o actual modelo “non serve”.

O debate sobre o modelo de financiamento para Galiza centrou esta cuarta feira a sesión de control ao presidente galego, no Parlamento da Galiza, e ao presidente do Estado, no Congreso dos Deputados. Mentres Alfonso Rueda fechou a porta a un sistema diferente ao actual, Pedro Sánchez amosou a súa disposición a un financiamento “singular” para Galiza.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, manifestouse esta cuarta feira por primeira vez sobre o modelo de financiamento para Galiza. A preguntas do deputado do BNG Néstor Rego, o mandatario apostou por un sistema que respecte “a singularidade” galega e que garanta “a igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan". Na mesma dirección, comprometeuse a “impulsar o autogoberno da Galiza coa transferencia das competencias pendentes, a condonación de débeda e un sistema de financiamento xusto".

As palabras de Sánchez chegaron após sinalar Rego que en 2021 “a diferenza entre o que pagamos en impostos os galegos e as galegas e o que recibimos do Estado se situou en 5.080 millóns de euros”. Nesta liña, defendeu que “a Administración galega poida recadar todos os impostos e negociar bilateralmente co Estado que parte entregar para os servizos que se poidan considerar comúns”. Asegurou Rego que isto "non é nin imposíbel nin ilegal" e afirmou que “a Galiza é unha nación rica en recursos e con inmensas potencialidades, mais empobrecida debido ás políticas de discriminación e espolio dos nosos recursos e dos nosos impostos".

A postura do mandatario galego, Alfonso Rueda, contrasta coa do seu homólogo español. O presidente da Xunta respondeu esta cuarta feira á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que non apoia “o sistema do cupo que defenden vostedes [o BNG]” e dixo que o obxectivo “é conseguir que os cartos que nos mandan de Madrid sexan suficientes papara manter os servizos públicos”. Argumentou que “a bilateralidade xera desigualdades entre os territorios”, tras recoñecer que “a prestación dos servizos públicos custan máis na Galiza, pero iso non se resolve facendo capelas á parte”.

Os impostos

A intervención de Rueda produciuse tras lembrar Pontón que “13.975 millóns é o furado que nos deixa o actual modelo de financiamento” e acusar o PP de “ser cómplice da discriminación da Galiza, en vez de pelexar por un sistema de financiamento xusto, aplica recortes”. Nesta orientación, a líder nacionalista instou o presidente da Xunta “a defender Galiza. Galiza precisa dun sistema de financiamento que nos permita ter a chave dos nosos cartos”, dixo en relación coa recadación de todos os impostos pola Administración galega. “A factura do centralismo que vostedes defenden sáenos cara”, sostivo Pontón.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sumouse tamén esta cuarta ao debate nunha comparecencia na Cámara galega. A este respecto, afirmou que “o actual modelo non serve, é insuficiente, debe ser modificado nun marco dunha negociación consensuada e multilateral". Criticou o sistema de financiamento vixente porque “non logra suficiencia, necesita dunha repartición equitativa e de recursos, que garantan os mesmos servizos con independencia de onde se resida". “Defendemos os intereses galegos e buscaremos puntos de encontro con outras comunidades", concluíu Corgos.