[VÍDEO] O BNG a Pedro Sánchez: “Se alguén precisa dun financiamento singular é a Galiza”

 O presidente español pide afrontar o financiamento desde a "singularidade e igualdade"

pexdro e nestor
photo_camera Sánchez e Rego no debate desta cuarta feira (Foto: Congreso)

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou ao Goberno estatal que a Galiza recade o 100% dos impostos a través dun modelo de concerto como o que teñen Euskadi e Nafarroa, ao que o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, replicou apostando por mellorar o financiamento "respectando a singularidade e garantindo a igualdade entre todos os cidadáns".

Durante a sesión de control ao Goberno estatal, o deputado do BNG preguntou a Sánchez se está disposto a "impulsar o autogoberno da Galiza coa transferencia das competencias pendentes, a condonación de débeda e un sistema de financiamento xusto".

O deputado do BNG sinalou que a Galiza “é unha nación rica en recursos e con inmensas potencialidades, mais empobrecida debido ás políticas de discriminación e espolio dos nosos recursos e dos nosos impostos” Rego afirmou que o actual sistema de financiamento é “profundamente inxusto con Galiza” e non ten sequera en conta cuestións singulares da Galiza como a dispersión poboacional, que encarece todos os servizos. Neste sentido, salientou como exemplo que “temos o 6% do territorio do Estado e o 28% do gasto total estatal en transporte escolar”.

Profundou nos dados, enfatizando que no ano 2021 a diferenza entre o que pagamos en impostos os galegos e as galegas e o que recibimos do Estado se situou en 5.080 millóns de euros. “5.080 millóns que perdemos nun país que está á cola do Estado en indicadores socioeconómicos e de calidade de vida”, polo que fica claro que “se alguén  precisa dun financiamento singular esa é a Galiza”. Neste contexto, Rego afirmou que  “se alguén precisa dun financiamento singular é Galiza. Defendemos que a Xunta poida recadar todos os impostos e negociar bilateralmente co Estado”.

Pedro Sánchez defendeu unha mellora do financiamento autonómico, mais cre que se debe facer "respectando a singularidade e garantindo a igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan".

Outra das cuestións que puxo sobre a mesa Rego e que está no Acordo co BNG é a condonación da débeda á Galiza “na mesma proporción que outras comunidades”. Galiza, recalcou, “ten a condición constitucional de nacionalidade histórica, xunto con Euskadi e Cataluña”. Porén, “décadas do Goberno do PP implicaron que teñamos moi pouco desenvolvido o noso autogoberno”. Sinalou que o BNG defende a soberanía da Galiza, mais frente a un PSOE e un PP que “nin exercen o autoproclamado autonomismo”, ten que ser o BNG quen reclame como mínimo o cumprimento do Estatuto. Nesta liña, manifestou que son máis de 35 as competencias aínda sen transferir. No Acordo, indicou, “asumiron a disposición a transferilas todas”.

Recoñecendo que teñen “enfrente un PP sen interese en recibilas”, “se poden porse de acordo noutras cuestións, tamén nesta”. Instou a Sánchez a tomar a iniciativa para emprazar ao Goberno galego a sentar na Comisión Mixta de Transferencias. 

Neste punto, Sánchez sostivo que o Goberno "está disposto" a impulsar o autogoberno na Galiza. En canto ás transferencias que tamén estaban recollidas no acordo co BNG, Sánchez dixo que corresponde á Xunta da Galiza solicitar o traspaso de servizos e funcións: "Os traspasos non se impoñen, senón que se negocian a pedimento da comunidade".

Por último, o xefe do Executivo estatal proclamou que o pacto de investidura co BNG é un "acordo ambicioso", que aborda outros elementos ademais da condonación da débeda, tales como medidas en materia de transporte ou plurlingüismo.

Comentarios