Santiago non se fecha a outra solución para o aparcadoiro do CHUS e urxe á Xunta que facilite "a súa proposta"

Vehículos aparcados no CHUS. (Foto: Arxina)
Goretti Sanmartín reclama que a capital "non sexa discriminada con respecto a outras cidades".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu esta segunda feira a proposta do consistorio para a construción dun novo aparcamento no Hospital Clínico (CHUS), se ben asegurou que non se fecha que haxa "outra solución", polo que instou a Xunta a "pór enriba da mesa cal é a súa proposta".

A preguntas dos medios, a rexedora dixo que a situación de tráfico que se vive no CHUS é "absolutamente inhumana" e "insostíbel no tempo" polo "caos de tráfico" que se xera no hospital, especialmente para aqueles pacientes que veñen de fóra da cidade. Fronte a isto, defendeu a cesión dunha parcela á Xunta para a construción dun aparcamento de 400 prazas, que "podería ser unha solución", aínda que "non completa", á situación.

"Pero non nos negamos a que haxa outra solución e a Xunta debería póla enriba da mesa", matizou Goretti Sanmartín, que reclamou que Santiago "non sexa discriminada" nesta cuestión "con respecto a outras cidades".

En canto ao investimento da Xunta, a alcaldesa compostelá tamén exixiu un compromiso en materia de vivenda pública coa cidade, onde hai "máis de 800 persoas no rexistro de demandantes".

Aliás, ratificou que a intención do Goberno local é "reactivar o parque comarcal de Bombeiros", algo para o que xa se mantiveron encontros e a rexedora ve "compromiso" tanto por parte da Xunta como da Deputación da Coruña. Ademais desta reactivación, confiou en que este paso poida supor un incremento de efectivos no parque comarcal.