ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

O sector pesqueiro demanda adiar a prohibición da pesca en 10% das áreas mariñas da UE até despois das eleccións europeas

Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
Na votación prevista para esta cuarta feira, os Estados da Unión Europea (UE) deben decidir sobre a creación de zonas totalmente prohibidas para a pesca, as cales representarían 10% das augas da UE.

O sector pesqueiro europeo, agrupado na Alianza Europea de Pesca de Fondo (EBFA), organización da que forman parte varios colectivos galegos, instou á Comisión Europea a atrasar até despois das próximas eleccións europeas a votación prevista para esta cuarta feira, na que os Estados da Unión Europea (UE) deben decidir sobre a creación de zonas totalmente prohibidas para a pesca, as cales representarían 10% das augas da UE.

En opinión do sector, este fechamento "ditaminaríase non para protexer hábitats ecoloxicamente sensíbeis, senón para alcanzar obxectivos políticos". Porén, segundo a Comisión, o propósito real é situar 10% do fondo mariño da UE en "zonas de referencia" libres de calquera presión humana para avaliar a súa variabilidade natural.

Así, o aprazamento solicitado por EBFA baséase en varios argumentos como a falta de avaliación de impacto nas actividades pesqueiras, a próxima revisión da lei que fixa estes obxectivos e o actual período político transitorio. Segundo explica o presidente de EBFA, Iván López, "estas decisións debería tomalas a nova Comisión que xurda despois das eleccións, sobre a base dun novo mandato político e analizadas polo novo Parlamento".

Motivación política

"Facelo agora, renunciando a calquera control democrático por parte do Parlamento e baixo a dirección dun comisario saínte que é candidato ao próximo Parlamento, fainos temer que a única razón detrás disto sexa política", defende López.

Para polo en contexto, cómpre lembrar que a orixe da votación é a antiga Directiva marco sobre a estratexia mariña da UE (DMEM), do ano 2008, cuxo obxectivo é protexer o medio mariño e lograr un bo estado ambiental (GES) en todas as concas mariñas, medido segundo diferentes indicadores cualitativos.

A falta de recomendacións científicas preexistentes sobre o que podería constituír un GES, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea liderou numerosos traballos e debates durante varios anos. Con todo, os expertos científicos non puideron definir claramente os parámetros e indicadores asociados a este obxectivo.

Novo debate

"Dada a imposibilidade operativa de lograr os obxectivos desta antiga Directiva, a Comisión Europea debería iniciar un novo debate coas institucións europeas en lugar de experimentar con políticas. Isto é especialmente relevante, dado que a Comisión abriu un proceso de consulta a finais de 2021 para revisar a Directiva", explica López.

Así as cousas, a EBFA sostén que a proposta sometida a votación non permite dar prioridade ao tipo de hábitat a protexer nin permitiría ter en conta ningunha actividade pesqueira. Por tanto, "a prohibición aplicaríase a todas as artes de pesca que operan en contacto co fondo, independentemente das súas características e efectos, que, con todo, son moi diferentes", alega a alianza.

Por último, o sector afirma que, nun momento no que se están designando miles de quilómetros cadrados para parques eólicos mariños, é "desproporcionado impor perdas adicionais de caladoiros sen obxectivos ecolóxicos claros e baseados en datos".

Ademais, a EBFA critica que non se realizou ningunha avaliación de impacto socioeconómico, a pesar de ser requirido por lei e do "innegábel impacto que a proposta terá en todas as empresas pesqueiras e na cadea de subministración".