O BNG pide que Galiza teña "voz e veto" nas decisións da UE sobre pesca

Ribeira acolleu a reunión interparlamentaria nacionalista. O BNG propón un fondo extraordinario de 21 millóns de euros para axudas mentres non se recupera a actividade marisqueira Entre as propostas, tamén un plan de rexeneración integral das rías, a promoción de sementeiras públicas e un protocolo de baleirado de encoros
ENCONTRO PESCA_BNG_RIBEIRA_3M_1
photo_camera Luis Pérez, Néstior Rego e Ana Pontón, no centro, con cargos do BNG, en Ribeira.

Ribeira (O Barbanza) acolleu esta sexta feiraa reunión interparlamentaria do BNG sobre o sector do mar. Ribeira é un dos concellos galegos con maior peso pesqueiro. Na reunión participaron o grupo parlamentario, así como o portavoz no Congreso, Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e a eurodeputada Ana Miranda, nun encontro inaugurado polo alcalde, Luís Pérez Barral e que contou tamén coa participación dunha ampla representación municipal.  

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou a importancia de ter un escano galego en Bruxelas para defender o sector pesqueiro e marisqueiro, unha voz “firme, libre e galega” que é a que representa Ana Miranda. Conscientes de que moitas das decisións que condicionan a actividade pesqueira se toman nas institucións europeas, Pontón reafirmou o compromiso do BNG na defensa dun sector que “é unha columna vertebral da nosa economía e que dá emprego a miles de persoas”. “Galiza ten todo o dereito do mundo a ser unha nación pesqueira”, recalcou.

Nese sentido, avanzou que o programa nacionalista levará para as eleccións europeas unha cuestión que considerou chave, a declaración oficial da Galiza como zona altamente dependente da pesca, “o que nos posibilitaría poder ter voz, voto e dereito de veto en todas as decisións comunitarias que se tomen e que afecten aos intereses do noso sector pesqueiro e marisqueiro”, afondou.

De igual modo, adiantou outras propostas como que as institucións europeas respecten as competencias exclusivas que ten a Galiza en materia de pesca, e moi singularmente todo o que ten que ver coa pesca de baixura, co marisqueo e coa comercialización destas especies.

A líder nacionalista incidiu en que o BNG ten propostas concretas a favor da xente do mar, empezando por medidas que permitan garantir rendas e ingresos. En primeiro lugar,defendeu a articulación de axudas directas ao sector até que se recupere a actividade marisqueira, unha liña de axudas que sería financiada cos 21,4 millóns de euros que a Consellería do Mar deixou sen gastar no seu orzamento de 2023

Así mesmo, Pontón apostou pola posta en marcha dun seguro público de produción marisqueira que permita cubrir as eventuais perdas por paros na actividade. “É algo que xa existe no sector agrario e cremos que se podería utilizar unha fórmula semellante no caso da produción marisqueira”, afondou.

Tamén considerou fundamental a promoción de sementeiras ou hatcherys públicas ou mixtas para poder garantir “semente propia e que haxa a suficiente semente das diferentes especies autóctonas”, reducindo de paso a dependencia exterior e tamén “garantindo que esas especies van estar adaptadas ao noso medio natural”, engadiu.

A portavoz nacional explicou tamén a proposta nacionalista para desenvolver un plan de rexeneración integral das rías galegas, cunha planificación plurianual e que estaría cofinanciado polos Gobernos galego e estatal e fondos europeos e, en paralelo, apostou por analizar as causas da perda de produtividade, cun estudo científico e rigoroso a realizar pola Consellería do Mar en colaboración con centros de investigación, universidade e o propio sector.

Outra das propostas do BNG en defensa do sector do mar é a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros para manter un control estrito de verteduras porque, segundo advertiu Pontón, “o que non pode ser é que para o Goberno do Partido Popular pesen máis os intereses das eléctricas que os intereses do sector pesqueiro”. 

Por último, o Bloque seguirá traballando para que as competencias de xestión e ordenación do litoral sexan transferidas a Galiza con todos os medios que sexan necesarios e, neste sentido, a portavoz nacional avanzou que a formación nacionalista volverá a levar ao Parlamento unha proposición de lei para que “eses medios e esas competencias se efectivicen e podamos xestionar o noso mar dende Galiza”.

Medidas todas elas que ofrecen alternativas de futuro a un sector do mar que Pontón considerou “esencial” por toda a capacidade que ten “para xerar riqueza e emprego e tamén para ser un elemento de vertebración do territorio e de manter con vida o noso litoral”, concluíu.

Comentarios