O Goberno estatal admite que o actual modelo de financiamento prexudica a Galiza

María Jesús Montero, Carme da Silva e José Manuel Barreiro durante as súas intervencións no Senado. (Foto: Europa Press)
O Goberno español afirmou esta cuarta feira que é "lexítimo" que o BNG demande maior autogoberno e defenda outro modelo de financiamento. "Compartimos boa parte do seu diagnóstico",dixo no Senado a vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, en resposta á nacionalista Carme da Silva. O BNG defendeu o concerto económico.

Avicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, compareceu esta cuarta feira no Senado por petición de "urxencia" do PP —grupo con maioría na Cámara alta española— para explicar o acordo de financiamento para Catalunya alcanzado a finais de xullo entre o PSOE e ERC. O que ía ser un debate sobre o que os populares cualificaron como "secesionismo fiscal catalán" foi tamén un debate sobre o esgotamento do actual modelo de financiamento, caducado en 2014 e pendente de renovación desde aquela, e os posicionamentos dos diferentes grupos con representación no Senado sobre o novo escenario que se abre.

Foi neste contexto onde Carme da Silva, representante do BNG na Cámara, resumiu ante o pleno do Senado a proposta dun novo financiamento para a Galiza: "Concerto económico, soberanía fiscal e maior autogoberno”. A nacionalista chamou a "rematar cun modelo de financiamento caduco e prexudicial para a Galiza" e defendeu “un financiamento singular adaptado ás nosas necesidades específicas”. Un diálogo bilateral entre a Galiza e o Estado, explicou, que avance un novo modelo "asentado no concerto económico" e que permita ter ferramentas "para mellorar a vida dos galegos e galegas". Da Silva tamén informou os senadores e senadoras do estudo do Consello de Contas que cifra en 1.500 millóns de euros ao ano os que perde Galiza co actual modelo.

A nacionalista concluíu a súa intervención ante a denominada Cámara de representación territorial do Estado criticando o presidente galego, Alfonso Rueda, por chegar "ao extremo do servilismo de non querer a condonación de parte da débeda a Galiza", que contempla o acordo entre o BNG e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.

A vicepresidenta primeira tomou nota da intervención da representante do BNG. Na quenda de réplica, María Jesús Montero dirixiuse a Da Silva para transmitirlle que o Goberno estatal "coincide coa necesidade de reformar o modelo de financiamento". Apuntou, iso si e varrendo a para casa, que a Galiza "nunca tivo tanto volume de recursos [do Executivo español] como con Pedro Sánchez" ao tempo que dixo ver "lexítimo" que o nacionalismo galego "queira avanzar en autogoberno". Neste punto, a vicepresidenta engadiu: "O Goberno estatal está en condicións de dar un impulso ao autogoberno". 

"Perrencha" de Rueda

Montero mostrou a súa sorpresa polo que cualificou de "perrencha" de Alfonso Rueda por estar disposto a renunciar á condonación de parte da débeda pública galega. "Nunca puiden imaxinar que se chegaría a isto", recoñeceu á senadora do BNG, á que prometeu cumprir coa condonación da débeda, punto recollido no acordo de investidura asinado co BNG, a pesar da negativa do titular da Xunta da Galiza.

"Comparto boa parte do seu diagnóstico", chegou a manifestar a representante do Goberno español a Da Silva, que incidiu, fronte ao discurso do PP contra unha negociación bilateral entre o Estado e Catalunya como prexudicial para o resto de comunidades, "que quen rouba á Galiza é o centralismo, non a bilateralidade". “O problema da Galiza é un PP e un Rueda que, fronte a este modelo de financiamento prexudicial para a Galiza non ten unha proposta e repite como un papagaio que a Galiza vive da solidariedade madrileña”, concluíu.

Sobre o acordo de financiamento para Catalunya, o tema polo que se convocou o pleno, Montero insistiu en que o acordo é solidario e mesmo afirmou que avanza cara ao “federalismo”, defendendo que se centra en como “desenvolver de forma efectiva o autogoberno [catalán] no marco da Constitución". "Unha mirada nova sobre financiamento autonómico", resumiu o sentido do acordo alcanzado con ERC para o PSOE. A ministra proclamou que o pacto entre independentistas e socialistas "desprega nin máis nin menos que o previsto xa no Estatuto de Autonomía de Catalunya, validado polo Tribunal Constitucional e, por tanto, segundo o previsto na Constitución". Montero acusou o PP de “populismo fiscal” e “deslealdade institucional”, así como de usar Catalunya como "elemento de confrontación". 

O PP, pola súa parte, quixo deixar claro desde o minuto un a súa mensaxe. Para iso botou man dos portavoces adxuntos do grupo popular no Senado, o valenciano de orixe catalá Gerardo Camps e o galego José Manuel Barreiro. Ambos os dous aseguraron que o financiamento singular de Catalunya é un “financiamento independentista á carta e un concerto económico insolidario”.

“O que está en xogo aquí é un principio fundamental: a igualdade de todos os cidadáns españois”, dixeron os representantes do PP. “Con este acordo están a clasificar a sociedade española entre españois de primeira e de segunda”, denunciou Barreiro, quen engadiu que “o Goberno pode chamalo como queira, a realidade é que isto é un pagamento de todos os españois para pagar a cadeira de Salvador Illa na Generalitat e de Pedro Sánchez na Moncloa”.


ERC e Junts difiren sobre o alcance do pacto

O acordo de financiamento para Catalunya é, baixo o punto de vista da senadora de ERC Sara Bailac, "o maior salto en soberanía de Catalunya desde 1979", ano no que se aprobou o estatuto de autonomía catalán. Así o manifestou esta cuarta na súa intervención na Cámara alta, onde tamén advertiu á ministra e portavoz do Executivo María Jesús Montero: "Fagan os deberes, os acordos están para se cumprir, se non o fan, haberá consecuencias". Porén, para Eduard Pujol (Junts), se o pacto non pon fin ao "espolio fiscal de Catalunya" de pouco servirá. O senador incidiu en que Junts "defende o concerto económico, mais nós non compramos un concerto light", e non está disposto a apoiar un acordo que supoña pasar "do café para todos ao calimocho para todos, igual, pero máis doce". 

PNV, Compromís ou Geroa Bai, en diferente medida, defenderon no Senado o dereito de Catalunya e Estado a chegar a acordos sobre o modelo de financiamento. Pola contra, e tamén con diversa intensidade, Vox, UPN e Coalición Canaria criticaban un pacto que consideraban contrario á constitución española. Mentres tanto, e á marxe do debate no Senado, Pedro Sánchez prometía máis recursos económicos ás comunidades e Alfonso Rueda exixía convocar unha Conferencia de Presidentes.