Sumar Galicia propón investir 1% do PIB en vivenda para pór fin á "especulación"

Afirma que a súa proposta sobre hipotecas beneficiaría a 150.000 galegas e galegos

A cabeza de lista de Sumar pola provincia de Pontevedra, Verónica Martínez, propuxo investir 1% do PIB para vivendas de protección oficial para tratar de pór fin á "especulación" nesta materia.

En declaracións aos medios antes de participar nun encontro aberto da formación sobre este tema en Vilagarcía, Martínez criticou que "o urbanismo descontrolado e a falta de regulación" provocaron un modelo mobiliario que "toma a vivenda como investimento no canto de como dereito cidadán".

"Queremos cumprir a constitución garantindo unha vivenda digna para todas as persoas", remarcou a número 1 de Sumar en Pontevedra.

Neste contexto, lamentou que a mocidade teña que gastar "85% dos seus ingresos para un alugueiro e 10% máis para os gastos do fogar", polo que volveu demandar "finalizar coa especulación que impide a emancipación dos mozos".

Para iso, a proposta da formación que lidera Yolanda Díaz pasa por investir "de maneira continuada 1% do PIB para construír un parque de vivenda de protección oficial de dous millóns". "Feixoo construíu 22 vivendas de protección oficial, tres ao ano. Nós falamos de 2 millóns de vivendas", salientou.

Ademais, pediu tamén "acabar coa especulación do aluguer turístico", algo que, segundo detallou, Sumar fará "a través da mellora da Lei de Vivenda".

Sobre as hipotecas, asegurou que incorporarán "a portabilidade da hipoteca de tipo variábel en tipo fixo". "Preocúpannos os fogares que teñen unha hipoteca tipo variábel e que sofren unha subida do Euribor que de media supón máis de 200 euros na letra da hipoteca mensualmente", lamentou.

Por esta e por outras propostas, a candidata de Sumar defendeu que son "o voto decisivo e da política útil" para impedir "un Goberno de dereitas; de PP e de Vox".