Verónica Martínez (Sumar)

"O sistema de financiamento non é xusto para a Galiza, hai que mudalo"

Verónica Martínez Barbeiro é a número 1 de Sumar ao Congreso por Pontevedra.
Verónica Martínez, deputada de Sumar no Congreso español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Verónica Martínez foi directora xeral no Ministerio de Traballo. (Foto: Nós Diario)

—É a súa primeira vez nunha candidatura. Como e por que toma esta decisión?
Si, esta é a miña primeira experiencia política. A Yolanda é difícil dicirlle que non, é moi insistente e ten uns argumentos imbatíbeis. Cesei como directora xeral do Ministerio de Traballo antes de presentar as listas porque no cargo era inelixíbel segundo a lexislación vixente. 

—Quedaba moito traballo enriba da mesa do Ministerio antes da convocatoria electoral?
Tiñamos varios proxectos normativos que seguen en marcha pero non poden saír porque non hai un Consello de Ministros. O Regulamento de Real Decreto Formativo, outro para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais, moitas normas que ficaron aí. Son normativas moi progresistas sobre todo en materia de dereitos laborais das mulleres. Se hai un Goberno de dereitas non van saír adiante.

—Estase falando en campaña da suba do SMI, dos ERTE, da reforma laboral... Que outros asuntos destacaría da xestión da súa xefa de filas neste mandato?
Destacaría a Lei de Traballo a Distancia, a Lei Riders, e fálase moi pouco de todo o que fixemos no eido da igualdade, que é moi importante. Os Plans de Igualdade non se aplicaban porque non había desenvolvemento regulamentario; agora, si. Estamos á vangarda mundial na igualdade retributiva, non hai un rexistro retributivo coma o noso, fundamental para evitar a segregación de xénero no laboral. A fenda salarial reduciuse nesta lexislatura 2 puntos grazas a estas medidas.

—Segundo as enquisas PP e Vox suman para gobernar. Con que escenario traballan para impedilo?
Nós saímos a gañar o país, ese é o escenario. Estamos convencidas de que podemos ter un Goberno progresista. O noso programa ten como base o feito para continuar polo camiño marcado e ampliar dereitos. Estamos convencidas de que imos gobernar.

—Supoñamos que o 23 de xullo sae vostede elixida deputada, Que iniciativas levará para que a Galiza estea presente no novo Congreso dos Deputados?
Traballaremos sexa cal sexa o Goberno, a favor ou en contra. Hai que mudar o sistema de financiamento autonómico porque o actual non é xusto para a Galiza. Aspiramos a incrementar o investimento do Estado na Galiza. Nesta lexislatura houbo 4.000 millóns. Nós cremos que temos que chegar aos 6.000 millóns de euros no período 2024-2027. Hai transicións económicas que abordar de xeito inmediato e a Galiza ten que adiantarse. Son importantísimas a transición dixital, a transición verde, pero temos que manter o emprego, garantir o equilibrio.

Comentarios