O BNG chama a unha ‘’fronte común’’ contra a ‘’ofensiva anti-democrática do PP’’

O Bloque remite unha carta a forzas políticas, sindicais e movementos sociais para manter unha xuntanza aberta en Compostela e artellar unha resposta á ‘’escalada autoritaria’’ do Partido Popular. O portavoz nacional, Xavier Vence, considera que os populares queren reter o poder malia perder a maioría na sociedade.

O recorte de escanos no Parlamento galego e a reforma electoral que prepara o goberno central constitúen para o BNG unha “ofensiva desaforada” contra a democracia para procurar “gañar con trampas o que ten perdido na rúa”.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, considera que é momento de sumar forzas para respostar a esta “ofensiva anti-democrática” dos populares. Vence considera que “estamos asistindo a unha escalada autoritaria da dereita desesperada que pretende aproveitar a súa maioría absoluta para seguir no poder aínda que perda a maioría na sociedade”.

Reunión aberta en Compostela

O BNG considera que esta situación obriga a actuar. Por iso a fronte decidiu convocar en reunión aberta a todas as forzas políticas, sindicais e colectivos sociais “en defensa da democracia, da pluralidade e da participación política co obxectivo de facer unha fronte común e frear a ofensiva antidemocrática do PP”.

“Creemos que as demais forzas políticas debemos traballar conxuntamente para trasladar á sociedade propostas que reforcen a participación da cidadanía, que loiten contra a desafección, contra a idea do inmobilismo e da falta de solucións e propostas que permitan a pluralidade política”, explicou Vence.

A convocatoria, -realizada por carta a todas as forzas políticas con representación parlamentaria e ás centrais sindicais maioritarias-, está aberta á participación de calquera partido, sindicato, movemento social e a quen queira asistir a título individual coa data inicial do vindeiro 11 de setembro na Nave de Vidán en Santiago de Compostela.

Demonizar o pluralismo

“De demonizar o pluralismo político a demonizar a democracia só hai un paso”, advertiu o portavoz nacionalista, quen subliñou que a concentración de poder que promove o PP, -neste caso na figura do alcalde en detrimento da corporación-, favorece as situacións de corrupción.