Villares nega que exista bloqueo na Marea e avanza que o domingo podería haber xa unha Coordenadora

Luís Villares, nun mitin.

As dúas ou tres semanas que ía demorar o Consello das Mareas en nomear Coordenadora (Executiva) viraron xa logo en dous meses. Porén, Luís Villares rexeita que se fale de "bloqueo" e avanza que é probábel que o domingo 2A se designe xa a executiva.

O Consello das Mareas realizou a súa reunión constitutiva o 28 de xaneiro. O 29X, nunha entrevista en Radio Galicia-SER, o portavoz de En Marea no Parlamento, Luís Villares, cifrou en "dúas ou tres semanas" o prazo que iría demorar o máximo órgao da confluencia entre plenarios en designar os membros da Coordenadora Nacional (Executiva). A súa previsión non se cumpriu e xa logo van dous meses sen que o Consello se reunise para se dotar dos órgaos de dirección, non só a Coordenadora, senón tamén a Portavocía.

Nun encontro coa imprensa esta segunda feira, Villares negou que exista ningún bloqueo no Consello -contra o afirmado por escrito por militantes da confluencia- e avanzou que con toda probabilidade o órgao se reunirá este domingo con, entre outras, a tarefa de designar a executiva.

No escrito en que se denunciaba a "pasividade" e a "inacción" da cúpula de En Marea, as persoas asinantes propuñan a realización dunha reunión do Consello o 2 de Abril, ás 17 horas. Villares dixo aos meios que esa data xa se "barallaba" e que había "un acordo para que [a reunión] fose esta fin de semana".

O primeiro paso para o desbloqueo -a convocatoria da reunión- estaría, pois, sobre a mesa. Falta agora completar a operación coa designación de Coordenadora e Portavocía. "Parte da inquietude que se transmite" no escrito dos militantes, admitiu Villares, é "partillada" pola totalidade dos membros do Consello, "na medida en que é necesario botar a andar a dirección e que esa dirección se faga con total normalidade e con respeito aos estatutos da propia dirección".

O primeiro paso para o desbloqueo -a convocatoria da reunión- estaría, pois, sobre a mesa. Falta agora completar a operación coa designación de Coordenadora e Portavocía

Villares alegou que a dirección veu funcionando con normalidade desde a súa constitución -tería habido "varias reunións"- e, por tanto, negou que existise ningún tipo de bloqueo.

O que sí tería habido no seo do Consello é unha proposta de composición da Coordenadora Nacional que, ao seu dicer, "non se axustaba aos estatutos" e que obrigou o órgao a unha "reflexión colectiva" para estabelecer "un sistema de funcionamento que respeitase a vontade das persoas inscritas".

"Iso foi o que fixemos durante estas semanas, estabelecer ou procurar un sistema que acomodase os criterios de funcionamento ao estabelecido nos estatutos e á vontade das persoas inscritas", dixo.

A interpretación da vontade das persoas inscritas nas primarias de xaneiro é o cabalo de batalla na dialéctica interna no seo de En Marea, quer no que atinxe á composición da Coordenadora quer no que ten a ver coa portavocía nacional.

Os sectores críticos -as listas Somos Quen liderada polo parlamentar de Anova Davide Martínez e Queremos Participar nucleada por Cerna- demandan a aplicación da proporcionalidade pura á hora de constituír a Executiva, que debería por tanto ter unha moi axustada correlación de forzas: 6 para Máis Alá, 3 para SQ e 2 para QP.

A interpretación da vontade das persoas inscritas nas primarias de xaneiro é o cabalo de batalla na dialéctica interna no seo de En Marea

Os oficialistas admiten a proporcionalidade, mais discuten a pureza: en función de que normas eleitorais se apliquen a distribución de postos podería ser máis ou menos favorábel para uns e para outros (este asunto xa foi no seu momento polémico á hora de atribuír as prazas no Consello das Mareas, cun recurso de Queremos Participar finalmente desbotado).

Canto á cuestión da portavocía, a vontade das persoas inscritas parece clara: votaron como maioritario un documento, o da candidatura oficial, que excluiría Luís Villares da portavocía orgánica -tamén Gómez-Reino, portavoz no Congreso- e configuraría esta como un triunvirato, con dúas mulleres e un home.

Este é un asunto que dista de ser pacífico no debate interno: membros de Máis Alá -a comezar polo propio Villares e a continuar por Beiras- discuten que se poda pór o Documento Político votado polas persoas inscritas por enriba dos Estatutos e defenden a candidatura do portavoz parlamentar á voceiría orgánica.

Villares tería tamén o apoio de Somos Quen e Queremos Participar.