A Xunta da Galiza deixou sen executar 1.492 millóns do orzamento de 2022

Alfonso Rueda relevou a Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta en 2022, quen presidiu a Galiza desde o ano 2009. (Foto: Europa Press).

A Xunta da Galiza deixou sen investir 12.734 millóns entre 2010 e 2022. A xestión orzamentaria xerou unhas perdas de impulso na actividade económica de 20.262 millóns de euros. Só en 2022, o Goberno galego destinou o 11,5% do total do presuposto a amortizar débeda.

A Xunta da Galiza deixou sen executar 1.492 millóns de euros do orzamento de 2022. Segundo os datos que fixo públicos na última semana de xullo o Ministerio de Facenda e da Función Pública do Goberno do Estado para 2022, último exercicio coas contas liquidadas pola Intervención Xeral do Estado (IXAE), os orzamentos para esa anualidade aprobados polo Parlamento galego recollían uns créditos iniciais de 13.107 millóns de euros, que unha vez modificados pasaron a sumar con carácter definitivo 14.043 millóns de euros. Ademais, as obrigas recoñecidas netas, que representan os importes exixíbeis ao Executivo galego, como contrapartida das obras, servizos ou fornecementos realizados polos provedores dos mesmos, situáronse en 12.551 millóns.

O economista, ex deputado e presidente da comisión de Economía da Cámara galega entre 1997 e 2001, Xosé Díaz, no seu traballo Os orzamentos liquidados galegos 2010-2022, ao que tivo acceso Nós Diario, sinala que “no ano 2022, a porcentaxe de execución do gasto total foi de 89.4%, alcanzando 88,1% no caso dos gastos non financeiros e 99,7% no caso dos gastos financeiros”. Neste sentido, apunta que “gastos financeiros corresponden esencialmente ao reembolso do principal da débeda viva que soporta a Xunta da Galiza por 1.438 millóns de euros que supoñen 11,5% do total do gasto do orzamento”. Neste punto, pon de manifesto que “a razón de todo isto haina que atopar nas relacións da Xunta coa banca privada, unha das súas principais paixóns”.

A débeda pública

A débeda pública galega fechou 2022 en 11.977 millóns de euros, tras incrementarse en 7.118 millóns de euros desde o ano 2009. Se nesa anualidade, na que Alberto Núñez Feixoo alcanzou a Presidencia do Goberno galego, a débeda da Xunta se situaba en 3.954 millóns, ao remate de 2022 alcanzaba os 11.977 millóns de euros. A esta contía debían engadirse aquelas outras débedas da Administración galega derivadas da colaboración público-privada e que sumaban 2.050 millóns de euros.Precisamente, o Goberno galego optou por esta fórmula para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía da Costa da Morte, a autoestrada AG-56 entre Compostela e Brión, a vía de alta capacidade de unión entre a autoestrada A-52 e a fronteira portuguesa e as vías rápidas do Salnés e do Barbanza.

Investimentos

Unha porcentaxe significativa das partidas sen executar corresponden ao denominado gasto de capital, aquel que recolle os investimentos reais, as transferencias de capital e os gastos de capital. Así, o nivel de execución dos fondos destinados a investimentos reais, aqueles que realiza directamente o Goberno, situouse no 75,2% do orzado. Pola súa parte, o nivel de execución da partida de transferencias de capital, que recolle o diñeiro dedicado pola Xunta da Galiza á realización de investimentos mediante os organismos autónomos, foi aínda inferior, ficando no ano 2022 no 59,2%. Ao tempo, a suma dos gastos de capital ficou no 68,4%, unha cifra, tamén, por baixo da media dos últimos 13 anos.

As cifras de execución dos orzamentos de 2022 son das máis baixas do período de 2010 a 2022. A este respecto, Díaz apunta que “entre 2010 e 2022 a Xunta da Galiza deixou de executar 12.734 millóns de euros no caso dos gastos totais, dos que 11.946 millóns de euros corresponden aos gastos non financeiros e 788 millóns de euros aos gastos financeiros”. A contía non executada polo Goberno galego neses 13 anos supera en 7.121 millóns de euros o investimento sanitario galego de 2024 e é 591 millóns de euros inferior ás contas públicas da Xunta dese ano, pero supera en 236 millóns o orzamento de 2023. A maiores, impacta de maneira negativa sobre toda a cadea económica ligada ao sector público.

O economista alerta da deficiente xestión orzamentaria das partidas correspondentes aos gastos de capital, indicando que “o nivel de execución, sempre considerando o período reiterado, foi de 77,5% e 59,3% para os investimentos e as transferencias de capital respectivamente”. Nesta liña, advirte de que “isto ponnos de relevo como este tipo de actuacións que están directamente relacionadas co desenvolvemento económico e social padecen unha xestión orzamentaria moi por baixo do que vimos no caso do gasto total, co conseguinte prexuízo para os niveis de emprego e, en xeral, do benestar da poboación traballadora galega e das maiorías sociais”.

Impacto económico

O baixo grao de execución orzamentaria provoca un impacto negativo no conxunto da actividade económica. Nesta dirección, Díaz, citando os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), apunta que, “a perda de impulso na actividade económica galega, como consecuencia da ineficiente xestión orzamentaria por parte da Xunta da Galiza, alcanzou neste período 20.262 millóns de euros”. Ao tempo, apunta que “no que ten a ver coa perda de impulso na actividade económica derivada da negativa e rutineira xestión orzamentaria do Goberno galego do gasto do capital, moi por baixo, obviamente do gasto corrente, elevouse a 4.172 millóns de euros para o caso dos investimentos reais e 6.075 millóns de euros no das transferencias de capital”

O Goberno galego non executou 12.734 millóns entre 2010 e 2022

Un dos principais indicadores para medir a capacidade de xestión e a calidade das políticas públicas dun Executivo é o seu nivel de execución orzamentaria. Así, aqueles Executivos cuxo gasto real se aproxima máis ao total das obrigas recoñecidas netas recollidas nos orzamentos está considerado como eficiente. Neste sentido, a liquidación das contas públicas galegas elaboradas pola Intervención Xeral do Estado (IXAE), dependente do Ministerio de Facenda e da Función Pública do Goberno do Estado, deixan en cuestión a acción de Goberno dos responsábeis políticos da Xunta da Galiza.

O orzamento galego de 2010 recolleu partidas por 10.831 millóns, mais o Goberno galego deixou sen executar 1.450. A anualidade seguinte rexistrou uns resultados moi semellantes, con 1.375 millóns de euros sen executar para un presuposto de 9.658 millóns de euros. Así, en 2012 ficaron sen executar 1.201 millóns de euros para unhas contas de 9.806 millóns de euros e en 2013 ao redor de 890 millóns de euros para uns ingresos de 9.428 millóns de euros. Após dous exercicios onde o nivel de execución presentou uns mellores resultados, a situación volveu empeorar a partir de 2017, ficando sen investir en 2020 ao redor de 773 millóns de euros para un orzamento total de 11.813 millóns de euros. Por último, en 2021 deixou sen executar 1.617 millóns dun orzamento de 12.876 millóns.

Os avances da liquidación das contas de 2023 publicado polo Goberno galego apuntan a outra caída no nivel de execución orzamentaria para ese exercicio.