O BNG di que ficaron sen executar 1.054 millóns das contas de 2023

A deputada Noa Presas (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada Noa Presas (Foto: Nós Diario)

A portavoz de Economía do BNG na Cámara galega, Noa Presas, denunciou esta sexta feira na comisión de Economía, a “deficiente xestión económica e execución orzamentaria do Goberno galego”, especialmente no que atinxe a algúns programas e áreas concretas tan relevantes como as de emprego, xustiza, medio rural, medio ambiente e políticas sociais. 

En total, afirmou a parlamentaria nacionalista, ficaron sen gastar 1.051 millóns de euros, algo que, segundo asegurou, responde a unha  “mala planificación ou a unha intencionalidade política, ou ás dúas cousas á vez, do Goberno do PP”.

Presas advertiu que “hai sete programas cunha execución inferior a 50% e 12 por baixo de 75%”, entre os que destacou os 200 millóns de euros en Emprego e Igualdade, os 130 millóns de Xustiza e Turismo, os 120 millóns de Medio Rural, os 105 millóns de Medio Ambiente ou os 92 millóns sen executar en Política Social e Xuventude.   

A deputada tamén puxo o foco en partidas sensíbeis como “o acceso á vivenda, o fomento da rehabilitación e da calidade da vivenda, o apoio á conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección social”, partidas que “deixaron máis de 100 millóns de euros sen executar entre 2019 e 2023.

A Xunta parabenízase

Pola súa parte, a Xunta da Galiza enxalzou o dato de execución dos orzamentos de 2024, que situou en 99,6% do gasto non financeiro. Así o destacou a interventora Xeral da Xunta, Almudena Chacón, en resposta á interpelación do BNG. Defendeu, aliás, que a Galiza foi "a quinta comunidade con mellor desempeño fiscal" e estivo entre as tres autonomías "practicamente en equilibrio".

Desde o PSdeG, a súa portavoz parlamentaria de Economía, Patricia Igrexas, advertiu que a Xunta deixou sen executar 5,5 de cada 10 euros orzados nos fondos europeos. Reclamou ao Goberno galego que presente un informe sobre o grao de execución, unha proposta que o PP rexeitou na comisión.

Comentarios