O PSdeG critica a "baixa execución" do orzamento da Xunta en turismo

Leticia Galego cifra en 16 os millóns sen executar.
As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)
photo_camera As cafetarías compostelás rexistraron o cheo absoluto o pasado verán por mor do turismo. (Foto: Arxina)

A portavoz de Turismo do grupo socialista no Parlamento da Galiza, Leticia Galego, exixiu esta cuarta feira á Xunta que mude as políticas de turismo para acadar un modelo desestacionalizado que permita atraer "cantidade e calidade turística".

A deputada alertou de que a Xunta da Galiza "non pode condicionar o sector turístico galego só ao Xacobeo", e reclamou recursos para camiñar cara a un sector "innovador, sustentábel, dixital e competitivo", que "debera xogar un rol clave na recuperación económica e social da nosa terra".

Reclamou, aliás, un sector "xerador de emprego digno" e que funcione como "fonte de riqueza, estabilidade e cohesión territorial e social".
A deputada criticou que o Goberno galego deixou sen executar na Lexislatura pasada un total de 16 millóns de euros no programa de Turismo, "e neste exercicio van polo mesmo camiño", por canto na primeira metade do ano tan só vai executar 14% do programa de Promoción do Turismo.

Advertiu que iniciativas como o Bono quedamosenGalicia22 constitúe a mostra "da incapacidade da Xunta de avanzar na desestacionalización". Sinalou tamén que a recuperación turística "foi posíbel en gran parte grazas ás políticas impulsadas por todas as Administracións públicas", incluíndo Concellos, Deputacións e o "gran traballo do Goberno do Estado".

Lembrou Galego o "investimento sen precedentes" desde o Estado no turismo galego, que recibiu 200 millóns de euros entre 2020 e 2023, "que continúa coa reserva de 21 millóns de euros para destinos na Galiza da convocatoria dos Plans de Sostibilidade Turística".

Comentarios