A Xunta deixa sen complemento do bono térmico 97.134 fogares

Pablo Fernández garantiu en xullo no Parlamento o pago do complemento do bono térmico. (Europa Press).

A Xunta da Galiza suprimiu o complemento do bono térmico a 97.134 fogares, argumentando unha baixada nos custos do gas e da luz. A medida chega despois de garantir o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta da Galiza, Pablo Fernández, a súa continuidade a comezos do mes de xullo no Parlamento da Galiza.

O bono térmico é un programa de axudas lanzado polo Goberno do Estado en 2019 para compensar os gastos de calefacción, cociña ou auga quente dos fogares con menos recursos e garantir o subministro de enerxía ás familias cunha situación económica máis precaria.

Os fogares beneficiados polo bono térmico deben ter a consideración de vulnerábel, vulnerábel severo, risco de exclusión social ou circunstancias especiais, sinalándose entre estas a violencia de xénero ou a condición de familia numerosa. Nesta liña, a contía destas axudas correspondente ao Estado situábase entre 250 e 600 euros por ano e fogar, téndose reducíndose na presente anualidade practicamente á metade.

O Goberno galego contaba cunha liña de axudas para complementar a cantidade destinada polo Estado aos 97.134 fogares beneficiarios do programa do bono térmico.Neste caso, o Executivo galego achegaba a cada familia unha media de 150 euros ao ano para compensar os gastos obxecto desta subvención.

Supresión de axudas

A Xunta da Galiza está remitindo estes días cartas aos fogares beneficiarios do bono térmico para informalos da supresión do seu complemento. Segundo explican a Nós Diario fontes da Consellaría de Economía e Industria, a decisión de anular o complemento do bono térmico débese a un descenso dos custos da enerxía.

Os responsábeis gobernamentais consultados por este xornal indican que o complemento do bono térmico era unha medida de carácter extraordinario impulsada en 2019 no marco dunha considerábel suba dos prezos da electricidade e do gas e nun contexto diferente ao actual.

A decisión de derrogar o complemento do bono térmico está a xerar sorpresa e malestar entre as familias usuarias. De feito, o pasado 4 de xullo, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta da Galiza, Pablo Fernández, indicou no Parlamento da Galiza, ante o atraso do pagamento deste ano, que as axudas do bono social térmico e do complemento do bono social eléctrico correspondentes a 2023 comezaríanse a abonar "ao longo do mes de setembro".

Fernández afirmou naquela sesión parlamentaria que “o pago dos dous bonos, tanto do social térmico como do complemento do social eléctrico, teñen a prioridade número un da Consellaría" e atribuíu o atraso na tramitación das axudas ao proceso de "reorganización interna" derivado da remuda no Goberno galego impulsada por Alfonso Rueda após as eleccións galegas do 18 de febreiro.

A Galiza rexistrou en 2022, último ano con datos, a cifra máis alta de pobreza enerxética, co 19,4% da cidadanía sen capacidade para ter a súa vivenda a unha temperatura adecuada, case o dobre que o 9,6% de 2020 e tamén cinco puntos máis que antes da pandemia. En 2021, a porcentaxe era de 13%, seis puntos menos. En termos absolutos, ese 19,4% son 522.000 persoas, 140.000 máis que o ano antes. Tanto é así que nese ano rexistráronse na Galiza 1.956 mortes atribuíbeis á temperatura.