A Xunta e o Goberno de Compostela acordan unha repartición de 90% e 10% no financiamento das obras do Hospital Clínico

Hospital Clínico Universitario de Santiago (Foto: Nós Diario).
O documento final eleva até 90% a achega económica da Administración galega, mentres que o Concello farase cargo de 10%. No principio de acordo de principios de maio, contemplábase unha repartición de 80% e 20%.

A Xunta da Galiza e o Goberno municipal de Compostela alcanzaron nas últimas horas un acordo ao redor do protocolo para a reordenación urbanística e da mobilidade do Hospital Clínico. O documento final eleva até 90% a achega económica da Administración galega, mentres que o Concello farase cargo de 10%. No principio de acordo de principios de maio, contemplábase unha repartición de 80% e 20%.

Deste consenso informaron ambas as Administracións a través de senllas notas de prensa na mañá desta quinta feira, a pesar de que un intre antes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, non o daba por fechado senón que dicía que estaba "moi perto", á espera de "matices".

En calquera caso, nas últimas horas decorreu unha reunión na que, ademais do titular de Sanidade, participaron a súa homóloga en Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

O acordo, explican tanto o Concello como a Xunta, inclúe a construción dun aparcamento, en altura e soterrado, e a mellora da accesibilidade na contorna do Clínico a través dun plan de interese autonómico (PIA), que permitirá acelerar prazos, cun perímetro que acordarán ambas as Administracións.

Ademais, "se é posíbel urbanisticamente", antes da aprobación do PIA iniciarase a execución do aparcamento integrado dentro do predio do propio hospital, para contar canto antes con estas prazas; ademais da mellora do acceso desde Volta do Castro, algo previsto no plan urbanístico vixente.

Se non fose posíbel facer o aparcamento no predio do complexo hospitalario antes da aprobación do PIA, ambos os Gobernos coinciden en que debe ser, igualmente, unha obra "absolutamente prioritaria".

Todas as actuacións, que se financiarán con esa proporción 90%/10%, desenvolveranse en convenios específicos. Ademais, o Concello comprométese a deixar exento o pagamento do IBI do hospital, unha vez ampliado, e do futuro Centro de Protonterapia, cando acabe a súa construción. Pola súa parte, a Xunta cofinanciará actuacións de saneamento e abastecemento municipal por 3,5 millóns de euros.