![Nós Diario](/media/nosdiario/images/2023/01/10/2023011017211925549.png)
Redacción
23/nov./23 - 13:24
Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e PSOE no Concello de Santiago levarán ao pleno ordinario deste mes unha moción conxunta para pedir á Xunta da Galiza que "asuma as súas competencias" e asuma o custo dun novo aparcamento para o Hospital Clínico Universitario (CHUS). María Rozas (CA), Miriam Louzao (BNG) e Gonzalo Muíños (PSdeG) compareceron xuntos para presentar esta iniciativa coa que buscan facer unha "fronte común" para que a Administración galega "mellore a mobilidade" e o aparcamento no CHUS, un problema "xa existente desde hai 24 anos" que se agravará coa construción do Centro de Protonterapia. Miriam Louzao, instou o Goberno galego non só a habilitar máis aparcamento, se non a poñer solucións á mobilidade da área con transporte colectivo para os traballadores.