X ANOS DA CATÁSTROFE DO PRESTIGE

“Nunca Máis” volverá ás rúas o 16 de outubro na Coruña

Manifestación ás portas do Consello de Ministros na Coruña en 2003
O día 16 de outubro a plataforma Nunca Máis convocará unha concentración nacional na Coruña, coincidindo co inicio do macroxuízo polo atentado do Prestige. Co obxectivo de demandar “xustiza para o pobo galego” a plataforma cidadá comezará a se reactivar a próxima semana. Realizarán actos comarcais e barallan a posibilidade de convocar tamén unha manifestación en Compostela o 13 de novembro.

O pasado 17 de xullo a plataforma cidadá “Nunca Máis” volvía ser actualidade. O colectivo demandaba que “se fixese xustiza” no xuízo pola catástrofe do Prestige, que iniciará o vindeiro 16 de outubro. Anunciaba tamén que se ía presentar nel como acusación contra José Luis López Sors, director xeral da Mariña Mercante -único responsábel do goberno Aznar imputado grazas, precisamente, a un recurso da plataforma-, contra o capitán Apostolos Mangouras, o seu xefe de máquinas e o primeiro oficial. @s portavoces da plataforma anunciaban tamén --antes do anticipo electoral-- a súa intención de rachar coa “dinámica de silencio”, imposta polo goberno central, en relación con este asunto.

Onte a Comisión xestora nacional de “Nunca Máis” desenvolveu unha reunión en que se deron os primeiros pasos nesa dirección. Quentarán motores iniciando a próxima semana a reactivación da plataforma en todas as comarcas, con dúas datas no horizonte.

A primeira, o 16 de outubro, en que dará comezo o macroxuízo case dez anos despois da maior catástrofe ambiental do noso país. Ese día “Nunca Máis” volverá ás rúas, convocando unha gran concentración nacional na Coruña , cidade que albergará a vista xudicial.

A segunda data, o 13 de novembro, cando se cumpre o décimo aniversario do inicio do pesadelo que remataría con milleiros de quilómetros da costa galega cubertos de chapapote, despois do afundimento do petroleiro fronte o noso litoral. Para ese día, ou en datas próximas, a plataforma está a barallar a posibilidade de convocar unha manifestación nacional en Compostela.

A bandeira do “Nunca Máis” volverá ás varandas galegas

 “Dez anos despois, hai aínda moito que aclarar sobre o que aconteceu e sobre @s seus responsábeis” afirman na plataforma

Entrementres está prevista a realización de diferentes actos nas comarcas co fin de volver facer visíbel a súa demanda de responsabilidades e para conmemorar o que foi “a maior vitoria cívica” na historia recente do pobo galego. Asemade, a plataforma decidiu volver pór en marcha o seu sitio web, que agardan fique dispoñíbel nos vindeiros días, así como editar diverso material, entre outros a bandeira do “Nunca Máis” --emblema nacional daquel momento-- e que regresará ás xanelas e varandas das rúas galegas, nas que estivo presente por milleiros.

Fontes da plataforma sinalaron, en declaracións a Sermos Galiza, que agardan un “grande apoio” e unha resposta “igual de masiva” que en 2002. A razón é ben clara, segundo explican, “dez anos despois, hai aínda moito que aclarar sobre o que aconteceu e sobre @s seus responsábeis”. “O pobo galego merece xustiza”, sentencian.